Trabada obtén máis de 35.000 euros para iniciar a reparación dos vestiarios do pavillón municipal

O Concello de Trabada conseguiu unha subvención superior aos 35.000 euros para afrontar a reparación dos vestiarios do pavillón municipal, danados no incendio rexistrado o pasado mes de xaneiro. A actuación permitirá avanzar na recuperación dunha infraestrutura deportiva que sufriu importantes desperfectos e cuxa rehabilitación completa está valorada en preto de 160.000 euros.
O proxecto contempla a substitución da cuberta e da estrutura de vigas dos vestiarios, cun investimento que supera os 51.000 euros. Desta contía, a administración local asumirá máis de 15.000 euros con fondos propios, mentres que o resto será financiado coa subvención obtida.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que desde o primeiro momento o Concello traballou para atopar diferentes vías de financiamento que permitisen afrontar unha actuación que cualificou de imprescindible para devolver á normalidade o funcionamento da instalación deportiva.
O rexedor lembrou que o Concello solicitara inicialmente á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes unha colaboración extraordinaria para facer fronte aos danos provocados polo incendio. Segundo explicou, esa petición non prosperou e a Xunta remitiu ao municipio ás convocatorias ordinarias de axudas.
Ante esta situación, o Goberno local presentou o proxecto a unha liña de subvencións adaptada ás necesidades da intervención, conseguindo unha achega de máis de 35.000 euros que permitirá executar esta primeira fase das obras.
Rubén García avanzou ademais que o Concello xa formalizou unha nova solicitude de convenio extraordinario coa Xunta de Galicia para obter os recursos necesarios que permitan continuar coa reparación do resto dos danos ocasionados polo lume.
O alcalde insistiu en que a recuperación do pavillón require un investimento moi elevado para un concello das dimensións de Trabada e expresou o seu desexo de contar co apoio da Administración autonómica para rehabilitar canto antes unhas instalacións que considera esenciais para a actividade dos clubs deportivos e para o conxunto da veciñanza.