Trabada mellora os accesos ao núcleo da igrexa de Sante cun investimento superior aos 44.000 euros

O Concello de Trabada segue adiante co seu plan de mellora das estradas municipais e vén de anunciar unha nova actuación centrada nesta ocasión na parroquia de Sante. Trátase dunha primeira fase de traballos orientados a mellorar os accesos ao núcleo da igrexa, unha zona de uso habitual para a veciñanza.
Esta intervención suporá un investimento que supera os 44.000 euros e permitirá actuar sobre tres vías que conectan directamente co entorno da igrexa, co obxectivo de optimizar o estado do firme e reforzar a seguridade viaria.
As obras previstas inclúen tarefas previas de limpeza de cunetas, a aplicación de aglomerado en quente para a renovación do firme, o pintado completo das estradas e a colocación de nova sinalización vertical, co fin de mellorar tanto a visibilidade como a circulación na zona.
En concreto, os traballos desenvolveranse en tres tramos diferenciados: o que vai desde o Teleclub de Sante ata o cruce da panadería, o que conecta Penaquente co lugar do Prado e o que discorre desde a igrexa ata o Rego de Louro.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que estas actuacións forman parte dun plan continuado de mellora da rede viaria municipal. “Seguimos avanzando na renovación das nosas estradas, con proxectos que son fundamentais para o día a día da veciñanza”, afirmou.
Así mesmo, o rexedor destacou a intención do goberno local de estender estas intervencións a outras parroquias do municipio, co obxectivo de mellorar as comunicacións e reforzar os servizos básicos en todo o concello.