Trabada mellora os accesos ao local social de Fórnea para facelos máis seguros e accesibles

O Concello de Trabada iniciou unha nova actuación na parroquia de Fórnea para acondicionar os accesos á antiga escola, un inmoble que na actualidade funciona como local social. O proxecto busca incrementar a seguridade e a accesibilidade da contorna, ademais de ofrecer á veciñanza un espazo máis cómodo para o seu uso habitual.
As obras inclúen a retirada da antiga varanda, que presentaba un importante deterioro, e a súa substitución por unha nova. A intervención permitirá tamén ampliar a superficie pública situada nas inmediacións do edificio e formigonar tanto esta zona como o acceso ao propio local.
Deste xeito, o Concello pretende mellorar a funcionalidade dun equipamento utilizado polos residentes da parroquia e acondicionar a súa contorna para facilitar o acceso. Os traballos execútanse ao abeiro dun convenio coa Deputación de Lugo destinado á mellora de espazos e instalacións públicas do municipio.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que "seguimos traballando na mellora dos espazos públicos das nosas parroquias, neste caso actuando na contorna do local social de Fórnea para que a veciñanza conte cun acceso máis seguro, cómodo e axeitado".
A intervención súmase a outras melloras desenvolvidas nos últimos meses nesta mesma parroquia. Entre elas figura a renovación do parque infantil de Fórnea, onde se substituíron diferentes elementos de xogo e se actuou sobre o pavimento para actualizar as instalacións.
O Goberno municipal asegura que esta liña de actuación terá continuidade e xa traballa na preparación de novos proxectos que se irán dando a coñecer nos próximos meses. As futuras intervencións abranguerán tanto Fórnea como outras parroquias do concello.
"O noso compromiso é continuar chegando coas actuacións municipais ás diferentes parroquias, mellorando os seus espazos públicos e equipamentos para que estean nas mellores condicións para o uso e desfrute da nosa veciñanza", engadiu o rexedor.