Trabada inviste 35.000 euros na renovación do alumeado público con tecnoloxía LED

O Concello de Trabada completou a renovación do alumeado público en varios puntos do municipio cun investimento aproximado de 35.000 euros. Os traballos consistiron na substitución das antigas luminarias por novos equipos LED, que permiten reducir o consumo eléctrico e mellorar a eficiencia enerxética das instalacións.
A intervención desenvolveuse en Vilapena, O Outeiro, Vilasusá de Vilaformán, Leirado e na praza do Concello. A incorporación desta tecnoloxía busca modernizar o sistema de iluminación e adaptalo ás necesidades dos distintos espazos públicos nos que se actuou.
A renovación terá continuidade nas próximas semanas cun novo proxecto para substituír luminarias en diferentes lugares da parroquia de Trabada. Esta actuación permitirá estender as melloras a outras zonas do municipio.
Con estas intervencións, o Concello pretende avanzar na modernización progresiva do alumeado público, diminuír o gasto eléctrico e favorecer un uso máis eficiente dos recursos enerxéticos municipais.