Trabada inicia a mellora de 800 metros dunha estrada de Valboa

O Concello de Trabada iniciou as obras de mellora dunha estrada municipal na parroquia de Valboa, nun tramo duns 800 metros que parte das proximidades da igrexa e continúa en dirección ao lugar de Sequeiro.
A intervención conta cun investimento superior aos 45.000 euros e está incluída no Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. A actuación intégrase no programa que está a desenvolver o goberno local para renovar progresivamente a rede viaria municipal e actuar nos diferentes núcleos e parroquias.
Os traballos comezaron coa posta a punto do trazado e contemplan a limpeza das cunetas e a aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente ao longo dos aproximadamente 800 metros. Posteriormente procederase ao pintado da estrada e á renovación da sinalización vertical.
O proxecto tamén prestará especial atención ao cruzamento situado na contorna da igrexa de Valboa, onde está prevista a mellora da saída para facilitar as manobras dos vehículos e incrementar a seguridade nun punto empregado habitualmente pola veciñanza.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, explicou que esta actuación dá continuidade ao traballo municipal nas estradas das parroquias. "Seguimos avanzando na mellora das nosas estradas municipais, atendendo as necesidades das diferentes parroquias e actuando en vías que forman parte do día a día da veciñanza", sinalou.
Neste sentido, o rexedor destacou que "neste caso, renovamos un tramo de aproximadamente 800 metros e melloramos tamén a saída do cruzamento da igrexa, co obxectivo de ofrecer unhas mellores condicións de circulación e seguridade".
García Freije tamén puxo en valor o apoio da Deputación de Lugo para poder executar este tipo de proxectos. "O Plan de Cooperación cos Concellos permítenos acometer investimentos importantes na nosa rede viaria e seguir desenvolvendo un programa de melloras que queremos que chegue aos diferentes núcleos de Trabada", afirmou.
O Concello avanzou que continuará promovendo novas actuacións na rede municipal de estradas, co propósito de mellorar os accesos, reforzar a seguridade e facilitar as comunicacións entre as distintas parroquias e lugares do municipio.