Trabada inicia a mellora da contorna da capela de San Miguel en Vilapercide

O Concello de Trabada puxo en marcha unha nova actuación de acondicionamento da contorna da capela de San Miguel, na parroquia de Vilapercide, co obxectivo de mellorar a seguridade, a funcionalidade e a imaxe dun dos espazos de encontro da veciñanza.
Os traballos inclúen a construción dun novo muro de contención, a instalación dunha barandilla de protección, a rehabilitación da fonte existente e a ampliación da superficie destinada ao campo da festa, actuacións que permitirán adaptar este lugar ás necesidades actuais e facilitar o seu uso durante as celebracións e actividades que se desenvolven ao longo do ano.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou que esta intervención forma parte da liña de actuacións que o Concello vén impulsando nas diferentes parroquias para conservar e modernizar os espazos públicos. Segundo sinalou, o obxectivo é que estes lugares sexan máis seguros, cómodos e dispoñan de mellores servizos para o conxunto da veciñanza.
O rexedor subliñou que este tipo de proxectos contribúen tamén a poñer en valor o patrimonio local e os espazos de convivencia, favorecendo que continúen sendo puntos de referencia para a vida social dos núcleos rurais.
As obras execútanse ao abeiro dun convenio coa Deputación de Lugo e permitirán ofrecer unha contorna máis accesible e preparada para o uso diario, reforzando ao mesmo tempo a conservación dun enclave de especial importancia para a parroquia de Vilapercide.