Trabada impulsará novas melloras na área recreativa da Choza cun investimento próximo aos 20.000 euros

AMariñaXa
A actuación permitirá renovar elementos do recinto e reforzar o seu carácter sostible mediante o uso de materiais reciclados
trabada-choza-ria-de-abres-axuda
9 Jun 2026

O Concello de Trabada continuará coa modernización da área recreativa da Choza, situada na parroquia da Ría de Abres, grazas á concesión dunha subvención de 15.000 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A achega económica permitirá desenvolver unha nova fase de melloras neste espazo de lecer e contacto coa natureza, cun proxecto que alcanza un investimento total de 19.601,14 euros. A administración local asumirá a diferenza, cunha achega municipal de 4.601,14 euros.

Entre as actuacións previstas figura a renovación dunha parte da barandilla existente, que será substituída por unha nova estrutura elaborada con materiais reciclados. Ademais, tamén se procederá á instalación de novos paneis informativos relacionados coa Rede Natura, que substituirán aos actuais e estarán realizados en madeira, integrándose mellor na contorna natural.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou a importancia de aproveitar as distintas liñas de financiamento para seguir mellorando os espazos públicos do municipio. Segundo sinalou, estas actuacións permiten incrementar a calidade das infraestruturas destinadas ao lecer e ao tempo libre, ao mesmo tempo que contribúen á conservación do patrimonio natural e á promoción de prácticas máis sostibles.

Esta intervención dá continuidade aos traballos executados o pasado ano na mesma área recreativa, cando se acometeu a renovación de diversos elementos do mobiliario urbano, entre eles mesas, fontes e papeleiras, apostando tamén por materiais reciclados e respectuosos co medio ambiente.

Coa nova actuación, o Concello busca seguir reforzando o atractivo da área da Choza como punto de encontro para veciños e visitantes, consolidándoa como un espazo de referencia para o desfrute da natureza e das actividades ao aire libre.

0.14518404006958