Trabada culmina a mellora de dúas estradas municipais nos núcleos de Barreiros e A Abaira

O Concello de Trabada vén de finalizar os traballos de acondicionamento de dúas estradas municipais situadas nos núcleos de Barreiros e A Abaira, unhas actuacións financiadas a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos e que supuxeron un investimento superior aos 130.000 euros.
As intervencións permitiron renovar de forma integral ambas vías mediante a limpeza previa das cunetas, a aplicación dun novo firme con aglomerado en quente e o correspondente pintado da sinalización horizontal. Segundo destacan desde o goberno local, estas melloras contribúen a optimizar o estado da rede viaria municipal e a incrementar a seguridade e o confort dos desprazamentos diarios.
O alcalde, Rubén García, subliñou que o Concello continúa apostando pola utilización do aglomerado en quente nas actuacións de mellora das estradas locais, ao considerar que ofrece unha maior resistencia e durabilidade ao paso do tempo, ademais dun mellor resultado para os usuarios.
O rexedor destacou tamén a importancia destas vías para a mobilidade da veciñanza, xa que enlazan con estradas de titularidade provincial e autonómica, polo que o seu mantemento e modernización constitúen unha das prioridades da administración municipal.
Desde o Concello explican que estas actuacións forman parte dunha estratexia máis ampla destinada á actualización progresiva das infraestruturas viarias do municipio. O obxectivo é facilitar as comunicacións entre os diferentes núcleos de poboación e favorecer o desenvolvemento do rural, mellorando os servizos e a accesibilidade para os residentes.