Trabada contará cunha nova área de autocaravanas no complexo deportivo grazas a unha axuda

AMariñaXa
O Concello obtén unha subvención de 30.000 euros para ampliar as instalacións e reforzar a oferta turística e de lecer do municipio
trabada-area-autocarvanas-2026
16 Apr 2026

O Concello de Trabada vén de conseguir unha subvención de 30.000 euros concedida pola Axencia de Turismo de Galicia que permitirá habilitar unha nova área de autocaravanas no complexo deportivo municipal, un espazo que xa dispón de diversas instalacións dedicadas ao deporte e ao lecer.

Segundo trasladan desde o goberno local, esta actuación enmárcase na estratexia de mellora e ampliación dos servizos municipais, coa intención de atraer novos visitantes e ofrecer maiores prestacións á veciñanza. A nova área contribuirá a consolidar o complexo como un punto de referencia tanto para o turismo itinerante como para o uso diario da cidadanía.

A concesión da axuda realizouse por orde de entrada das solicitudes, un proceso no que o Concello actuou con rapidez. De feito, segundo destacan, a petición foi presentada en apenas un minuto, o que permitiu asegurar o financiamento necesario para levar adiante o proxecto.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, sinalou que o executivo local continúa a traballar na mellora dos espazos públicos, co obxectivo de dinamizar o municipio e facelo máis atractivo. Neste sentido, destacou a importancia de seguir ampliando servizos que respondan tanto ás necesidades da poboación como ás demandas do turismo.

Desde o Concello avanzan que esta actuación non será a única, xa que nos vindeiros meses prevén anunciar novas intervencións destinadas a reforzar o papel do complexo deportivo como un dos principais puntos de encontro e actividade en Trabada.

0.11563897132874