Trabada consolida a Festa da Enfariñada como referente gastronómico e de participación veciñal

Trabada volveu converterse este domingo nun punto de encontro para a tradición e a convivencia coa celebración da sétima edición da súa Festa da Enfariñada, unha cita que medra ano tras ano e que xa se sitúa como unha das máis destacadas do calendario festivo da comarca. A explanada situada fronte ao parque da rúa San Roque acolleu desde o mediodía a centos de persoas que non quixeron perder unha xornada marcada pola gastronomía, a música e o ambiente festivo.
Un dos momentos máis agardados foi, un ano máis, a elaboración en directo da enfariñada, na que participaron máis de corenta veciños e veciñas, ofrecendo ao público unha mostra viva dun prato profundamente ligado á identidade local. Esta actividade converteuse nun dos principais atractivos do evento, non só polo seu valor culinario, senón tamén pola súa capacidade para fomentar a participación colectiva e o espírito comunitario.
A edición deste ano incorporou novas propostas que ampliaron a oferta sen afastarse da esencia tradicional. Entre elas destacou a introdución dunha enfariñada elaborada con bonito de Burela, unha iniciativa que espertou gran interese entre as persoas asistentes. Ademais, mantivéronse opcións sen glute, reforzando o carácter inclusivo dunha celebración pensada para todos os públicos.
A programación completouse con degustacións doutros produtos típicos, como xamón cocido e chourizo, así como coa presenza das fiolleiras de Muimenta, que achegaron o toque doce á xornada. Tamén houbo un mercado de produtos artesanais e de proximidade, que serviu de escaparate para o traballo de produtores locais e contribuíu a dinamizar a actividade económica arredor da festa.
No apartado musical, as actuacións de Mestura de Nete, Grupo Lume e a Orquestra Marbella puxeron ritmo a unha xornada que combinou tradición, lecer e participación cidadá, mantendo a animación ao longo de todo o día.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou na celebración xunto ao alcalde de Trabada, Rubén García Freije, representantes municipais da contorna e membros da corporación local. López destacou que a institución provincial achega 10.000 euros a esta iniciativa, cualificándoa como “un exemplo do valor das nosas tradicións populares e da capacidade da xente para manter vivas as citas que forman parte da nosa identidade colectiva”.
A responsable provincial subliñou ademais que a Enfariñada funciona como un elemento de identidade local que contribúe a reforzar o tecido social e a dinamizar o municipio desde o punto de vista turístico. Pola súa banda, o rexedor puxo en valor o crecemento continuo da festa, sinalando que a combinación de tradición, implicación veciñal e ambiente festivo explica o seu éxito e a súa proxección de futuro.

