Trabada completa a renovación das varandas e paneis da área recreativa da Choza

O Concello de Trabada acaba de completar unha nova fase dos traballos de renovación da área recreativa da Choza, na parroquia de Ría de Abres, centrada na mellora das varandas da zona superior e na substitución dos paneis informativos distribuídos por este espazo.
A actuación contou cun investimento superior aos 18.000 euros e foi posible, en parte, grazas a unha subvención de arredor de 15.000 euros destinada a intervencións en espazos incluídos na Rede Natura 2000. Esta obra dá continuidade ao proxecto de modernización progresiva deste enclave natural e de lecer, para o que o Concello xa impulsara unha nova fase de melloras cun financiamento específico.
Nesta ocasión, os traballos permitiron avanzar na substitución das varandas situadas na parte alta do recinto e renovar os elementos informativos, completando así parte das intervencións previstas para mellorar as instalacións e a súa integración na contorna.
As obras súmanse ás realizadas durante o pasado ano, cando se acometeu a renovación de mesas, papeleiras, fontes e parte das varandas. O proceso de acondicionamento xa fora abordado anteriormente polo goberno local, que presentara un proxecto para renovar distintos elementos da área, incluíndo tamén actuacións na pasarela, no miradoiro de aves e na sinalización.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, sinala que a intención é continuar avanzando na renovación gradual das infraestruturas deste espazo, de maneira que melloren as condicións para o uso e desfrute tanto da veciñanza como das persoas que visitan o municipio.
O rexedor apunta, ademais, que o Concello seguirá buscando novas liñas de financiamento para poder acometer futuras intervencións e completar a renovación dos elementos que conforman a área recreativa.
A iniciativa busca manter en boas condicións os espazos públicos municipais e reforzar o seu atractivo como lugares de encontro e lecer, compatibilizando o uso das instalacións coa conservación e o respecto pola contorna natural. A Choza forma parte dos enclaves que Trabada pretende seguir poñendo en valor, como xa sucedeu coa iniciativa para recuperar e acondicionar o miradoiro da Ría de Abres.