Trabada avanza na recuperación dos vestiarios do pavillón municipal tras o incendio de xaneiro

AMariñaXa
O Concello impulsa unha primeira fase de obras con máis de 50.000 euros para substituír a cuberta e parte da estrutura mentres continúa a busca de financiamento para a reforma integral
trabada-melloras-pavillon-tras-inendio-xaneiro-2026
13 May 2026

O Concello de Trabada segue dando pasos para a recuperación da zona dos vestiarios do pavillón municipal, que resultou gravemente afectada polo incendio rexistrado o pasado mes de xaneiro.
Tras o suceso, o alcalde, Rubén García, trasladou por escrito ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes unha petición de apoio extraordinario da Xunta de Galicia co obxectivo de afrontar a reparación das instalacións deportivas. Porén, segundo informou o propio goberno local, a resposta autonómica descartou esa vía de colaboración específica e remitiu ao Concello ás liñas habituais de subvencións ordinarias.
Ante esta negativa, o executivo municipal decidiu activar novas alternativas de financiamento para poder iniciar a recuperación do espazo. Neste contexto, proxéctase unha primeira fase de actuacións centrada na substitución da cuberta e na reparación dunha parte da estrutura da zona de vestiarios danada polo lume. O investimento previsto supera os 50.000 euros.
O rexedor, Rubén García, explicou que o obxectivo principal é “seguir traballando para conseguir os recursos necesarios que permitan recuperar por completo un espazo fundamental para a veciñanza de Trabada”. Nese sentido, insistiu en que o Concello continuará explorando distintas vías de financiamento para avanzar na rehabilitación integral das instalacións.
Desde o goberno local sublíñase que esta actuación inicial supón un primeiro paso para devolver o uso pleno ao pavillón municipal, ao tempo que se mantén aberta a procura de novas axudas económicas que permitan completar a reforma total dos vestiarios nos próximos anos.

0.13152384757996