Trabada abre as inscricións para a segunda edición do Campionato de Balinera

O Concello de Trabada xa ten aberto o prazo para participar na II edición do Campionato de Balinera, unha proposta que regresará o vindeiro 8 de agosto, a partir das 10:30 horas, no Alto da Cadeira, coincidindo coa celebración da tradicional Xira da Cadeira.
Despois da boa resposta obtida na súa estrea, o goberno local aposta por dar continuidade a esta iniciativa, que busca converterse nunha das citas habituais da programación estival do municipio, promovendo unha actividade lúdica, participativa e aberta a persoas de diferentes idades.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición de maneira gratuíta nas oficinas municipais ou a través do teléfono 982 135 011. A organización recomenda completar o trámite antes do 6 de agosto, aínda que tamén será posible anotarse o mesmo día da competición antes do seu inicio.
Segundo establecen as bases do campionato, todas as balineras serán facilitadas pola organización, polo que non estará permitido competir con vehículos propios. Ademais, os participantes con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos deberán asistir acompañados por unha persoa adulta.
A competición premiará aos tres mellores clasificados cunha carabina, unha desbrozadora e un maletín de ferramentas Irimo, respectivamente.
O alcalde de Trabada, Rubén García, agradeceu a colaboración de Adrián Lombardía, propietario de Top 10 Ferretería, pola súa implicación na cesión dos premios desta segunda edición. O rexedor destacou que a colaboración do tecido empresarial resulta fundamental para impulsar actividades deste tipo e continuar ampliando a oferta de lecer do municipio.
Desde o Concello animan tanto á veciñanza como ás persoas que visiten Trabada durante esas datas a participar nun campionato que combina diversión, convivencia e espírito competitivo nun dos encontros máis tradicionais do verán local.