Tomé destaca en Fitur as potencialidades turísticas da Mariña e da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa | AMariñaXa
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres en Madrid na Feira Internacional de Turismo (Fitur).
fitur deputacion presentacion mancomunidade marina
22 Jan 2022

José Tomé Roca participou este venres nos actos de presentación de novos proxectos da Mancomunidade de Municipios da Mariña, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e do Concello de Lugo salientando a importancia de colaborar entre as institucións para traballar xuntas para impulsar o territorio.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres en Madrid na Feira Internacional de Turismo (Fitur) nos actos de presentación das propostas turísticas presentadas pola Mancomunidade da Mariña, o Consorcio da Ribeira Sacra e o Concello de Lugo.

O mandatario provincial valorou a estreita colaboración que existe entre todas as administracións e entidades para impulsar estes destinos e para dar a coñecer a súa potencialidade. Subliñou neste sentido o máximo compromiso da Deputación ao cooperar economicamente cos territorios da Mariña e da Ribeira Sacra para sacar adiante os Plans de Sustentabilidade Turística que lles concedeu o Goberno de España, a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

“Eu sempre digo que a Ribeira Sacra é un trozo de paraíso no interior de Galicia, e a súa declaración como Reserva da Biosfera é un dos feitos que o confirma”. Subliñou José Tomé que esta distinción da UNESCO “foi unha gran noticia para a comarca e para a provincia, porque supón un novo recoñecemento internacional da riqueza medioambiental coa que contamos na provincia, que ten máis do 80% do seu territorio incluído nunha Reserva da Biosfera”.

Ademais, lembrou un fito importante para a Ribeira Sacra que fixo no 2021 coa publicación da guía sobre o románico deste territorio. “Unha peza máis na nosa estratexia para potencial o románico como recurso turístico despois de conseguir incluír Lugo na Ruta Transrománica do Consello de Europa”.

Por outra banda, o mandatario provincial valorou o traballo feito polos concellos mariñáns para impulsar a comarca, como demostra a propia consecución do Plan de Sustentabilidade Turística que deron a coñecer en Fitur. Unha estratexia froito da colaboración das institucións, entre as que participa a Deputación, co firme convencemento de que “este é un destino sostible, de calidade e con capacidade para atraer visitantes ao longo de todo ano”, manifestou.

“O logotipo da Mancomunidade de Municipios da Mariña alude á navegación como sinal de identidade e símbolo de viaxe, de progreso, e estou seguro que de que este investimento tan importante para a comarca e tamén para a nosa provincia, vainos axudar a levar a bo porto o futuro de prosperidade que merece a veciñanza da Mariña”, subliñou.

“A Mariña é unha comarca de inmensos recursos, que conta xa cunha importante proxección nacional e internacional. Unha comarca cunha oferta moi diversa, que exemplifica en si mesma a variedade que caracteriza ao conxunto da provincia de Lugo”. Neste sentido, dixo confiar en que a esta oferta se sume o recoñecemento oficial do Camiño do Mar como ruta xacobea, un fito que “consolidaría á provincia como un nó privilexiado no conxunto das rutas de peregrinación europeas”.

Un Plan de Industrialización

Tomé Roca salientou que o turismo contribúe ao desenvolvemento económico da comarca da Mariña e que é unha aposta cara o futuro, “un futuro que pasa inescusablemente tamén por impulsar un Plan de Industrialización que recupere e que aproveite o gran potencial da comarca para crear riqueza e emprego”.

Unha promoción transversal

O presidente aproveitou a súa estadía en Fitur para abordar coa Ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, e co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, as propostas turísticas da provincia.

O mandatario provincial visitou tamén o espazo dedicado á provincia de Lugo no stand de Galicia onde os 67 concellos teñen a oportunidade de entregar material promocional dos seus destinos, actividades e accións turísticas a profesionais e persoas físicas chegadas de todas as partes do mundo.

0.11757302284241