Sete empresas optan á redacción do proxecto para desenvolver solo destinado a 300 vivendas protexidas en Ribadeo

AMariñaXa
A Xunta licita por preto de 250.000 euros os traballos previos para urbanizar unha superficie de 7,6 hectáreas no oeste da vila
vivendas-sociais-parque-San-Francisco-Ribadeo
1 Aug 2026

A Xunta de Galicia recibiu un total de sete ofertas de empresas interesadas na redacción do proxecto de interese autonómico (PIA) e dos proxectos de expropiación e reparcelación necesarios para o desenvolvemento de solo residencial en Ribadeo, onde está prevista a construción de 300 vivendas protexidas.

O contrato, cun importe de licitación próximo aos 250.000 euros, permitirá avanzar nos trámites necesarios para a urbanización dos terreos. Unha vez formalizada a adxudicación, a empresa seleccionada contará cun prazo de tres meses para presentar o borrador do PIA e a documentación necesaria para iniciar a tramitación ambiental estratéxica.

A redacción deste proxecto constitúe o primeiro paso para desenvolver o ámbito coñecido como SUD-R2, unha área de aproximadamente 7,6 hectáreas destinada á creación de solo residencial para vivenda protexida. Os terreos sitúanse no oeste da vila de Ribadeo e están delimitados parcialmente pola Avenida da Ría de Ribadeo, a estrada N-642 e a pista Reverte-Vilar.

Esta actuación forma parte da Estratexia de Solo Residencial impulsada pola Xunta de Galicia, un plan que ten como obxectivo promover solo para a construción de 25.000 vivendas en toda a comunidade autónoma, das cales 20.000 estarán destinadas a réximes de protección pública.

0.11920404434204