Santa Cruz, unha asociación para manter viva a convivencia no Valadouro

Por Ana Somoza.
Máis de catro décadas despois da súa creación, a Asociación Santa Cruz do Valadouro continúa traballando coa mesma idea que impulsou os seus primeiros pasos: unir a veciñanza e contribuír a manter viva a parroquia. A entidade naceu en 1982 da iniciativa dun grupo de amigos e veciños que decidiron organizarse para dinamizar Santa Cruz e fomentar a participación. Desde aquela sucedéronse diferentes directivas e numerosas persoas entregaron parte do seu tempo a un proxecto colectivo que agora afronta unha nova etapa.
A actual directiva reivindica precisamente ese legado. Lembra con especial agarimo a quen traballou anteriormente pola asociación, incluídas persoas que xa faleceron, pero cuxo “compromiso, ilusión e todo o que fixeron pola parroquia” continúa presente. O obxectivo é recoller esa herdanza e seguir facendo de Santa Cruz “un lugar de encontro e convivencia para todos”.
ASOCIACIÓN.
A entidade foi creada para “defender os intereses lexítimos da parroquia” e promover o desenvolvemento humano, cultural e social dos seus habitantes. Máis de corenta anos despois, esa filosofía segue marcando o seu traballo, agora nun contexto rural no que xerar espazos de encontro resulta especialmente importante.
A nova etapa está atopando unha resposta positiva. A asociación conta con arredor de 90 socios e nos últimos meses incorporáronse novos membros, unha evolución que a directiva recibe con satisfacción. O equipo responsable está integrado por oito persoas e combina a experiencia de membros que xa estiveran vinculados á xestión da entidade coa incorporación de xente nova. Ademais, dispoñen dun grupo de socios e voluntarios que colaboran cando é necesario.
Ese apoio resulta imprescindible para manter unha programación coa que pretenden afrontar unha realidade que preocupa especialmente á asociación: o progresivo envellecemento da poboación e o risco de illamento. Desde a entidade consideran que a sociedade é “cada vez máis individualista” e, nunha parroquia cunha elevada presenza de persoas maiores, entenden que recuperar os encontros veciñais pode axudar a reforzar os vínculos.
CONVIVENCIA.
Con esa filosofía recuperáronse celebracións que deixaran de realizarse, entre elas o magosto, a comida de Entroido, as festas patronais ou a tradicional comida do Carballo. Non se trata unicamente de recuperar citas do calendario, senón de introducir propostas que lles acheguen novos contidos e favorezan a participación de diferentes xeracións.
No magosto, por exemplo, á cea de xabaril e ás castañas sumáronse os contacontos Lionel Rexes e Xesús Pisón, que achegaron historias recollidas en Contos do Valadouro. A intención era combinar convivencia e divulgación do patrimonio cultural da comarca. No Entroido incorporouse un concurso de disfraces e na comida do Carballo recuperáronse xogos tradicionais, iniciativas que, segundo a entidade, tiveron “unha excelente acollida”.
Tamén están funcionando as rutas de sendeirismo dos domingos por Santa Cruz e parroquias próximas. Estas saídas permiten fomentar a actividade física ao tempo que se coñece o patrimonio natural, histórico e cultural da contorna. En setembro, ademais, está prevista a participación no programa da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia, cunha excursión destinada a socios e familiares.
As actividades buscan chegar a todas as idades. A maioría da poboación da parroquia é maior, pero a asociación insiste en deseñar propostas nas que teñan cabida desde os nenos ata as persoas de máis idade. “O noso obxectivo é que sexan sempre encontros interxeracionais”, explican.

PATRIMONIO.
Outra das liñas de traballo céntrase na conservación da memoria de Santa Cruz. A entidade prepara unha exposición fotográfica sobre a historia da parroquia coa colaboración dos propios veciños, aos que se lles pide que acheguen fotografías antigas e lembranzas. A mostra completarase cunha mesa redonda e pretende evitar que parte desa memoria colectiva desapareza co paso do tempo.
A actividade da asociación vai, con todo, máis alá da programación cultural. A directiva está traballando na posta ao día do monte comunal e da súa plantación forestal para mellorar a xestión e contribuír á prevención de incendios. Ao mesmo tempo, está regularizando asuntos administrativos que levaban anos pendentes e tramitando subvencións destinadas a actuacións en infraestruturas como pistas, a muralla da igrexa, o castro ou a antiga escola.
Para desenvolver este traballo, a entidade considera imprescindible colaborar con outros colectivos. A actual directiva leva apenas un ano á fronte da asociación, pero xa mantén relación con entidades como Frexulfe, Alaxe ou Lagoa. A intención é ampliar esas alianzas porque consideran que “traballar de maneira conxunta supón sempre un beneficio mutuo, sobre todo no ámbito rural”.
RECURSOS.
A falta de financiamento estable constitúe precisamente unha das principais dificultades. As cotas dos socios non permiten sufragar todos os proxectos e a asociación procura concorrer ás convocatorias de subvencións que se adaptan ás súas necesidades. Nas comidas e celebracións, os participantes tamén asumen unha parte do custo, cunha tarifa reducida para os asociados.
Desde Santa Cruz consideran que o asociacionismo exerce un papel esencial na supervivencia social e cultural das parroquias e reclaman máis recursos para desenvolver esa función. Aseguran atopar disposición do Concello cando precisan material ou apoio loxístico, aínda que no ámbito económico botan en falta unha maior implicación e reivindican que as asociacións veciñais sexan tidas en conta á hora de elaborar os orzamentos.
A entidade sinala que o apoio institucional continúa sendo limitado e destaca á Deputación de Lugo como a administración da que recibiu unha maior colaboración, tanto para as festas patronais como para mellorar infraestruturas. “O tecido asociativo é o verdadeiro motor cultural e social das parroquias”, sosteñen, pero para manter esa actividade consideran necesarios máis medios materiais e económicos.
FUTURO. O demográfico e o financeiro aparecen así como os dous grandes retos. O envellecemento obriga a pensar en actividades accesibles que eviten que as persoas queden illadas, mentres que a dependencia das subvencións dificulta dar continuidade a proxectos de maior envergadura. A asociación aspira por iso a conseguir unha estrutura máis sólida e avanzar cara a un modelo que non dependa exclusivamente de axudas puntuais.
Entre os próximos proxectos, ademais da exposición sobre a memoria da parroquia, figuran novas iniciativas relacionadas cos hábitos de vida saudables e coa expresión artística. A finalidade última é consolidar “un punto de encontro estable” que contribúa a combater a soidade non desexada, favorecer o enriquecemento cultural e defender os intereses dos veciños.
A boa resposta obtida anima á directiva a continuar. Incluso hai propostas que a propia veciñanza reclama recuperar, como o Día da Tortilla Xigante, unha actividade organizada polas primeiras directivas da que aínda se conservan vídeos. A asociación non descarta retomala para reivindicar novamente “ese espírito de convivencia e unión que sempre caracterizou á nosa parroquia”.
A medio e longo prazo, Santa Cruz fixa tres prioridades: “a sustentabilidade financeira, o relevo xeracional e a cohesión social”. Quere converterse nun referente de envellecemento activo e dinamización cultural no Valadouro, estreitar a colaboración con outros colectivos e, especialmente, conseguir que as novas xeracións se impliquen e asuman progresivamente un maior protagonismo.
A mensaxe final da directiva resume a filosofía coa que afronta esta etapa: “Esta asociación é de todos e para todos”. Non importa a idade nin o tempo dispoñible, porque consideran que participar nunha actividade, achegar unha idea ou compartir unha conversa xa contribúe a fortalecer a comunidade. “Santa Cruz foise construíndo entre todos”, lembran, antes de condensar o seu obxectivo nunha última idea: “Porque unha parroquia viva faina a súa xente”.