San Pedro da Ribeira: unha veciñanza viva e participativa

Por Ana Somoza.
A Asociación de Veciños San Pedro da Ribeira de Saldoira, no Concello de A Pontenova, converteuse nunha referencia imprescindible para a vida social e cultural da contorna. Fundada a principios do ano 2000, a entidade non só agrupa varias aldeas, senón que tamén impulsa actividades festivas, culturais e formativas, co obxectivo de fortalecer a cohesión veciñal, preservar o patrimonio local e implicar á xente nova nunha comunidade viva e dinámica.
ORIXES. Alba Fernández Lodeiro, presidenta da Asociación de Veciños San Pedro da Ribeira, explicou que a entidade xorde a principios do ano 2000, “como unha forma de unir varias aldeas: Saldoira, Saldoiriña, Ervelle, Veiga de Pada, Vides e Veiga de Prado”. A presidenta sinalou que o obxectivo principal era “valorar e cubrir as necesidades destes barrios, asumindo desde ese momento a súa representación diante do Concello e outras administracións”. Fernández Lodeiro destacou que, como calquera asociación veciñal, tamén buscaban “defender os intereses xerais dos veciños, informar e apoiar calquera xestión e fomentar a unión e a participación entre a xente”.
A presidenta explicou que a creación da asociación foi unha resposta á necesidade de que os veciños tiveran “unha voz común e un espazo de encontro onde a xente se sentise representada e apoiada”. Lembrou que nese momento a veciñanza percibía unha certa dispersión, e a asociación serviu de nexo entre as distintas aldeas para “fomentar proxectos comúns e un sentimento de comunidade que antes non existía de forma estruturada”.

SOCIAL. Segundo Fernández Lodeiro, hoxe a asociación funciona como “o principal nexo de unión entre os veciños para verse, contar un conto ou tomar un café”. Subliñou que, coa pandemia superada, intentan manter unha actividade constante, de xeito que “case todos os meses haxa algo para poder compartir un anaco do noso tempo”. A presidenta insistiu en que estas iniciativas teñen unha función social moi importante: “Son espazos de convivencia, onde se fomenta a participación e se fortalecen os lazos veciñais”.
A presidenta engadiu que a asociación tamén cumpre un papel dinamizador: “Tentamos organizar actividades que involucren a todos, tanto maiores como novos, e que sirvan para que a xente se manteña activa e implicada na vida comunitaria”. Alba destacou que isto permite combater o illamento e a dispersión da poboación: “En zonas rurais como a nosa, estas reunións axudan a que a xente non se sinta só e manteña viva a comunidade”.
ACTIVIDADES. Fernández Lodeiro describiu o amplo abanico de actividades que organiza a asociación ao longo do ano. “Temos festas e comidas tradicionais como o cocido, a Festa do Ovo Frito con chourizo en maio, o Lume Novo, o Magosto ou a chocolatada de Nadal”, sinalou. Pero ademais, indicou que tamén se realizan actividades formativas e obradoiros: “Organizamos cursos de poda e enxerto, de cestería, charlas coa Garda Civil sobre seguridade cidadá, e recentemente tamén obradoiros de baile e saúde mental”.
A presidenta destacou que a entidade tamén organiza saídas culturais e excursións, como visitas ao Grove ou á Toxa, e participou en programas de televisión autonómica como “O Quen Anda Ai” e “Land Rober”. Fernández Lodeiro subliñou que todas estas actividades buscan “que a xente se reúna, comparta experiencias e fortaleza a cohesión social”. Ademais, engadiu que a asociación se encarga das festas patronais de San Pedro da Ribeira, un evento central na vida do lugar: “É un momento onde veciños e amigos de fóra se xuntan e viven unha experiencia común, mantendo as tradicións e transmitindo valores ás novas xeracións”.

PATRIMONIO. A capela de San Pedro é un dos símbolos máis representativos da Ribeira de Saldoira. Fernández Lodeiro explicou que “cando lle falas a alguén de Saldoira, rapidamente asóciao co sitio onde está aquela capela tan fermosa”. Para a presidenta, a súa construción representa un logro colectivo: “Tódalas capelas que había ata ese momento eran particulares, e esta é de todos os veciños. O Concello construíu a fermosa edificación e nós encargámonos do seu coidado e limpeza”.
Durante Nadal, a asociación organiza actividades especiais na capela, como a recreación do pasado mineiro percorrendo as aldeas da Ribeira: “Intentamos que a xente desfrute de algo diferente e que a capela sexa un espazo de encontro e identidade”, explicou Fernández Lodeiro. A presidenta tamén destacou a importancia do centro social, que substituíu á antiga escola de Saldoira tras o novo trazado da nacional: “Agora temos un espazo propio para reunións, cursos e obradoiros, que é orgullo de todos os veciños e clave para manter viva a vida social”.
FUTURO. Fernández Lodeiro subliñou que os retos de futuro pasan por continuar co ritmo de actividades e atender as demandas dos máis de 80 socios da entidade. “A idea é seguir mantendo a participación, que segue sendo altísima, e continuar coas festas tradicionais, a pesar da escaseza de poboación e do aumento dos prezos”, sinalou. Tamén destacouse a necesidade de melloras en infraestruturas: “Estamos para mellorar estradas, traídas de auga e o mantemento do centro social”.
A presidenta destacou tamén a importancia de implicar á xente nova: “Queremos que os mozos formen parte da directiva e da vida diaria, aportando ideas e aire novo, porque ese é o futuro”. Engadiu que sen a participación activa da xuventude, “o rural perde dinamismo e continuidade, e esa é a nosa prioridade: manter viva a comunidade e o sentimento de pertenza”. Alba mencionou que se están facendo esforzos para atraer veciños novos que merquen casas e se instalen en Saldoira, reforzando así a vida da aldea.

FESTAS. As festas e celebracións teñen un papel central na cohesión veciñal. Fernández Lodeiro explicou que “como bos galegos, todo o que sexa festa e papatoría vainos como anel ao dedo”. Destacou a Festa do Ovo Frito con chourizo, que tivo a súa primeira edición en 2025 e foi un éxito rotundo: “Deixounos un bo sabor de boca e repetiremos en 2026”. Tamén as festas patronais de San Pedro da Ribeira funcionan como reencontro: “Moitos veciños que case non ves en todo o ano veñen pasar a festividade con nós, e tamén amigos e coñecidos que viven fóra”.
A presidenta subliñou que o espazo acondicionado na área recreativa permite merendar ao aire libre, mantendo a tradición de encontros veciñais que antes se facían á beira do río. Fernández Lodeiro afirmou que estas festas “non só son diversión, senón tamén oportunidades de socializar, ensinar valores e reforzar a identidade colectiva da aldea”. Ademais, destacou que a asociación segue promovendo novas iniciativas festivas, mantendo a esencia de Saldoira e fortalecendo os lazos entre veciños, especialmente coa participación das familias e da xente nova.