San Cibrao reunirá a medio cento de xogadores no VII Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa

O Pavillón da Veiga, en San Cibrao, converterase este sábado, 26 de xullo, no epicentro do tenis de mesa coa celebración da sétima edición do Torneo Maruxaina, unha competición que volverá reunir a preto de medio cento de deportistas procedentes de distintos puntos de España e tamén de Italia. A cita está organizada polo Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo.
O torneo foi presentado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, xunto ao coordinador da sección de tenis de mesa do club, Fernando Fernández, e ao xogador local Estéfano Berruezo, quen destacaron o crecemento experimentado por esta competición, convertida xa nunha referencia dentro do calendario estival do municipio.
A proba dará comezo ás 10:00 horas e prolongarase ao longo de toda a xornada, reunindo xogadores pertencentes a clubs de Galicia, Asturias, Castela-A Mancha e Italia. Ao remate da competición entregaranse trofeos aos catro primeiros clasificados.
Desde o Concello puxeron en valor a continuidade dun evento que, ademais do seu interese deportivo, contribúe a dinamizar San Ciprián durante o verán e favorece a chegada de participantes e acompañantes ao municipio. A alcaldesa subliñou que o Torneo Maruxaina representa un exemplo da colaboración entre a administración local e o tecido deportivo para impulsar actividades de calidade e fomentar hábitos saudables.
A edición deste ano celébrase, ademais, nun momento especialmente significativo para o Club Deportivo San Ciprián, despois do histórico ascenso conseguido o pasado mes de xuño a Segunda Nacional, tras proclamarse campión do Grupo Norte de Terceira Nacional. Un éxito que, segundo destacou García Caramés, é o resultado do traballo constante desenvolvido durante anos pola entidade deportiva.
A rexedora sinalou que o club está a contribuír a proxectar o nome de Cervo máis aló de Galicia grazas aos seus resultados deportivos e ao compromiso dos seus xogadores e corpo técnico. Neste sentido, animou á veciñanza e ás persoas que se atopen estes días no municipio a asistir ao Pavillón da Veiga para apoiar aos participantes e desfrutar dunha competición que combina nivel deportivo, convivencia e un ambiente aberto para todos os públicos.