San Cibrao acollerá o 18 de xullo a VI Carreira Popular Maruxaina nas pistas da Veiga

As pistas de atletismo da Veiga volverán converterse nun punto de encontro para os amantes do deporte coa celebración da VI Carreira Popular Maruxaina, prevista para o sábado 18 de xullo. A competición, organizada polo Club Deportivo San Ciprián coa colaboración do Concello de Cervo, forma parte do circuíto Duacode Run Foz Run e contará con probas adaptadas a todas as categorías.
A presentación do evento tivo lugar nas propias instalacións deportivas, coa participación da alcaldesa, Dolores García Caramés, e de representantes do club organizador, que animaron á participación tanto de deportistas afeccionados como de atletas experimentados.
A xornada deportiva dará comezo ás 11.00 horas e incluirá percorridos adaptados ás diferentes idades: 200 metros para pitufos, 500 para benxamíns, 1.000 para alevíns, 1.609 para infantís e cadetes e unha proba absoluta de 5.000 metros. A saída e a chegada estarán situadas nas pistas da Veiga, mentres que o percorrido combinará distintos tramos polas rúas de San Cibrao e o paseo do Torno.
As persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma habilitada pola organización.
A alcaldesa destacou que a carreira representa unha oportunidade para gozar dunhas instalacións deportivas de referencia e descubrir a contorna costeira do municipio, combinando deporte, natureza e patrimonio. Así mesmo, subliñou que a cita busca fomentar hábitos de vida saudables, favorecer a convivencia entre os participantes e seguir promovendo os atractivos naturais e paisaxísticos de Cervo.