Sabela leva o seu “Brillante Tour” a Viveiro cun concerto na sala La Conservera

AMariñaXa
A artista galega chega á súa terra nun dos mellores momentos da súa carreira, tras o éxito do seu novo traballo e unha nova nominación nos Premios da Academia da Música
1-SABELA-RAMIL-festas-as.-pontes
7 May 2026

A cantante Sabela continúa coa súa xira “Brillante Tour” cunha parada moi especial en Viveiro, onde actuará este sábado 9 de maio ás 21:30 horas na sala La Conservera. A cita supón un regreso á súa contorna máis próxima nun momento especialmente destacado da súa traxectoria musical.

Tras o seu paso por festivais de relevancia como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou o Festival EmigraSon, a artista afronta esta nova etapa da xira cunha acollida moi positiva por parte do público. A actuación en Viveiro preséntase así como unha oportunidade para compartir co público local o seu máis recente proxecto, que está a marcar unha evolución na súa carreira.

O seu último traballo, “Bríllanche os olliños”, está a acadar unha notable repercusión, con máis de medio millón de reproducións acumuladas entre os seis temas que o compoñen. Ademais, o videoclip da canción “Non cho podo dar” achégase ás cen mil visualizacións, consolidando o interese polo seu novo son e proposta artística.

A boa acollida do público vén acompañada tamén polo recoñecemento da industria. Sabela foi seleccionada, por segundo ano consecutivo, como finalista na categoría de Mellor Canción en Galego-Asturianu nos Premios da Academia da Música. Se o pasado ano acadaba esta distinción co tema “Hi, My Love”, nesta ocasión repite nominación con “Non cho podo dar”, unha colaboración coa artista María Escarmiento.

A gala desta terceira edición celebrarase o vindeiro 26 de maio no Palacio de Congresos de IFEMA, en Madrid, onde se darán a coñecer os gañadores. Mentres tanto, a cantante continúa sumando datas á súa xira, coa mirada posta en seguir conectando co público e consolidando o seu proxecto musical.

As últimas entradas anticipadas para o concerto de Viveiro están dispoñibles a través da plataforma Woutick, nunha cita que promete converterse nun dos eventos musicais destacados da fin de semana na comarca.

0.11858510971069