Run Foz Run Summer Camp regresa a Foz cun verán cheo de deporte, xogos e aventura

Run Foz Run, en colaboración co Club Atletismo Ría de Foz, presentou unha nova edición do RFR Summer Camp, un campamento de verán pensado para ofrecer unha alternativa activa, educativa e divertida durante o mes de xullo de 2026. A iniciativa desenvolverase de luns a venres, nun formato matinal, e busca converter o deporte e o lecer en eixo central das vacacións escolares.
O campamento está dirixido a participantes de entre 6 e 17 anos, organizados en grupos segundo as idades para adaptar as actividades ao nivel e ás necesidades de cada colectivo. A proposta combina disciplinas deportivas con xogos tradicionais e dinámicas creativas, fomentando a convivencia, o traballo en equipo e a aprendizaxe a través da diversión.
Entre as actividades programadas inclúense deportes como surf, kaiak, sendeirismo de aventura, voleibol, fútbol, baloncesto, balonmán, tenis de mesa, tiro con arco, petanca ou bolos. Xunto a isto, tamén se incorporan xogos populares como o brilé, o agocho, o pilla-pilla ou o tres en raia, ademais de propostas de roleplaying e dinámicas de grupo.
O programa complétase con xornadas de praia, xogo de pistas tipo busca do tesouro, actuacións e playback, obradoiros de manualidades, xogos de mesa, festas de disfraces, sesións de cine e teatro, actividades acuáticas e xincanas tanto en Foz como en Burela. A organización destaca que o obxectivo é ofrecer unha experiencia variada e dinámica na que cada día sexa diferente.
O campamento desenvolverase en Cangas de Foz, nunha localización privilexiada no corazón da Mariña Lucense, a escasos minutos de Foz e Burela. As instalacións dispoñen de campo de fútbol con grada, pavillón, sala de teatro, vestiarios, cafetería, palco ao aire libre, sala de informática e ximnasio, entre outros servizos. Ademais, atópase preto das praias de Areoura e Os Xuncos, accesibles a pé por sendeiros naturais xunto á costa.
O horario establecido será de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas, aínda que tamén se ofrece servizo de madrugadores con entrada entre as 09:00 e as 09:30. O campamento dará comezo o 30 de xuño e prolongarase ata o 31 de xullo.
En canto ás tarifas, establécese unha cota mensual de 330 euros, quincenal de 250 euros e semanal de 160 euros. Estes prezos inclúen material como camiseta e mochila do campamento, así como seguro de actividade. O servizo de madrugadores ten un custo adicional de 20 euros ao mes ou 3 euros por día, e tamén se contemplan actividades especiais e festas familiares con programación específica.
A organización aplica diferentes descontos non acumulables, entre eles un 25% para membros da Asociación Deportiva e Cultural Os Castros, 20% para socios do Club Atletismo Ría de Foz, outro 20% para colexiados do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, 15% por irmáns e 10% para clubs amigos. Ademais, existe a posibilidade de bolsas e opcións de financiamento a consultar coa entidade.
As inscricións xa están abertas, cun límite de 100 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Ata o momento, 16 participantes xa formalizaron a súa praza. O proceso pode realizarse de maneira online, presencial ou mediante transferencia bancaria.
Na modalidade presencial, a inscrición formalízase na tenda LivingSport de Foz, na rúa Trapero Pardo, presentando o formulario correspondente e aboando o importe en efectivo en horario comercial. Por transferencia bancaria, debe enviarse o formulario cumprimentado xunto co xustificante ao correo indicado, tras realizar o ingreso na conta facilitada. Tamén se admite o pago mediante Bizum ao número habilitado, seguindo o mesmo procedemento de envío de documentación.
A organización confirma que as inscricións quedarán validadas nun prazo máximo de 48 horas tras a recepción do correo e a verificación do pagamento.