Ribadeo reunirá 25 locais nas xornadas gastronómicas dedicadas ao mexillón

AMariñaXa
A cita celebrarase do 2 ao 4 de outubro e repartirá entre os establecementos participantes arredor de 1.100 quilos de produto para as súas elaboracións
xornadas-mexillon-acisa-ribadeo-2026
26 Sep 2026

Ribadeo celebrará do 2 ao 4 de outubro as Xornadas Gastronómicas de Exaltación do Mexillón, unha iniciativa organizada por Acisa coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que contará coa participación de 25 establecementos hostaleiros.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que os locais ofrecerán durante toda a fin de semana diferentes tapas e pratos nos que o mexillón será o ingrediente principal. A asociación facilitará aos participantes parte da materia prima necesaria para as elaboracións, unha iniciativa que se desenvolve por oitava vez co obxectivo de reducir os custos dalgunhas das campañas impulsadas pola entidade.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou que o apoio da Área de Mar da Deputación de Lugo permitirá distribuír gratuitamente entre os establecementos arredor de 1.100 quilos de mexillón, equivalentes a unhas 30.000 unidades. A colaboración tamén inclúe a promoción das xornadas e a adquisición de envases para comida para levar.

A Área de Mar achega 10.000 euros para o desenvolvemento desta edición. Trátase da terceira colaboración deste departamento provincial con Acisa neste tipo de iniciativas, despois das xornadas dedicadas á lura en 2022 e á ameixa en 2025.

As propostas gastronómicas dos 25 locais poderán consultarse nas redes sociais de Acisa ao longo da próxima semana. Os establecementos participantes son Ramonita, El Huerto, Parador, La Solana, Marinero, Galipizza, Porto de Rinlo, O Lar de Manolo, Barallocas, A Mirandilla, Javier Montero, Kummel, A Quinta, Queimada, A Horta de San Roque, Náutico, O Indiano, San Miguel, El Rincón del Gordo, La Flor de Jose, Balastrera, O Lar de Carmiña, O Furancho, Mar de Rinlo e Ribanzo.

Jesús Pérez Prada destacou que a iniciativa busca contribuír á dinamización do sector hostaleiro despois do verán e antes dunha ponte festiva, ao tempo que pretende poñer en valor o mexillón e atraer visitantes de Ribadeo, doutros puntos da Mariña e do Occidente asturiano, ademais dos turistas que continúan achegándose á localidade nestas datas.

Pola súa banda, Carmen Cruzado incidiu na importancia de fomentar o consumo de produtos do mar de proximidade e procedencia galega. O mexillón empregado nas xornadas será adquirido a Marisco Ribadeo, provedor local e asociado de Acisa.

A presentación das xornadas contou coa participación do deputado responsable da Área de Mar da Deputación de Lugo, Dani García, xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

0.15319800376892