Ribadeo rehabilita o lavadoiro e a fonte do Cristo de Rinlo cun investimento da Xunta

AMariñaXa
O Concello executa actuacións de mellora e conservación nun dos espazos máis emblemáticos da parroquia cunha achega de 30.000 euros procedente da Consellería do Mar
obras-rinlo-ribadeo-2026
14 May 2026

O Concello de Ribadeo vén de completar unha actuación de recuperación e posta en valor de varios espazos públicos de Rinlo grazas a un investimento de 30.000 euros financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar. Os traballos centráronse principalmente na rehabilitación do lavadoiro e da fonte do Cristo, así como na mellora do entorno natural e das zonas peonís próximas.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou que o obxectivo destas actuacións pasa por “seguir mellorando espazos naturais e patrimoniais que forman parte da identidade do municipio e que son utilizados a diario tanto pola veciñanza como polas persoas visitantes”.

Segundo detallou o rexedor, a zona presentaba un estado de deterioro importante, con pintadas, problemas na cuberta, falta de lousas e acumulación de lixo no entorno. “Non era a imaxe que queremos ofrecer dun Ribadeo vinculado ao patrimonio, á natureza e ao turismo de calidade”, indicou.

As obras permitiron actuar sobre diferentes elementos do conxunto. Entre os traballos realizados destacan a reposición de lousa e tella na cuberta do lavadoiro, a rehabilitación interior da estrutura, a recuperación da madeira orixinal e a instalación de novas proteccións nas ventás para evitar danos continuados. Ademais, tamén se acondicionaron as zonas de paso, renovouse parte do mobiliario urbano e mellorouse a seguridade en distintos puntos.

No caso da fonte do Cristo, o Concello acometeu tarefas de limpeza, conservación e protección da pedra, ademais do arranxo do entorno inmediato e da canalización de augas para evitar deterioros futuros na pista e na zona peonil.

Dani Vega destacou tamén o valor simbólico e social deste espazo tradicional de Rinlo. “Os lavadoiros e as fontes formaban parte da vida diaria dos pobos, eran lugares de encontro e convivencia que forman parte da nosa memoria colectiva”, sinalou. Nese sentido, incidiu en que conservar estes lugares “é tamén conservar a historia e a identidade da vila”.

O alcalde subliñou que esta intervención se suma a outras actuacións realizadas recentemente noutras parroquias do municipio co propósito de recuperar elementos patrimoniais e espazos verdes. “Queremos seguir avanzando na conservación do patrimonio cultural e natural de Ribadeo, poñendo en valor lugares que teñen unha gran importancia para a veciñanza”, concluíu.

0.13379192352295