Ribadeo reforza o seu compromiso contra o acoso escolar co programa KiVa

O Concello de Ribadeo continúa avanzando no seu traballo de prevención e loita contra o acoso escolar a través do programa KiVa, que se desenvolve nos centros Sagrado Corazón, Gregorio Sanz e no IES Dionisio Gamallo.
No marco desta iniciativa, o pasado xoves celebrouse unha carreira colaborativa na que tomaron parte uns 350 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º da ESO. A actividade converteuse nun espazo de encontro no que se mesturaron deporte, reflexión e convivencia entre o alumnado dos distintos centros.
Ao remate da proba, os participantes traballaron en equipo na creación de diferentes palabras simbólicas e procederon á lectura dun manifesto común no que se puxo en valor a importancia do respecto e da tolerancia.
Coincidindo con estas accións, este 2 de maio conmemórase o Día contra o Acoso Escolar, unha data que serve para reforzar e visibilizar o compromiso colectivo nesta materia.
A concelleira de Educación, Begoña Sanjurjo, destacou que “Ribadeo é o primeiro concello de Galicia que consegue unir a todos os centros educativos nesta loita”, e agradeceu a implicación do alumnado e o labor do profesorado, ao que cualificou de fundamental neste proceso.