Ribadeo recupera as pistas forestais de Cedofeita e Piñeiro afectadas polos incendios de 2023

AMariñaXa
Os traballos forman parte dun plan para rehabilitar os accesos deteriorados tras o lume, que arrasou 2.750 hectáreas, e facilitar a circulación dos vehículos forestais
pistas-forestais-Ribadeo-2
27 Aug 2026

O Concello de Ribadeo iniciou traballos de mellora nas pistas forestais de Cedofeita e Piñeiro que resultaron afectadas polos incendios de 2023. A actuación conta cunha achega da Administración autonómica e constitúe unha primeira fase dentro da planificación prevista para recuperar progresivamente este tipo de vías en diferentes puntos do municipio.

O lume de 2023 deixou importantes consecuencias en Ribadeo, especialmente na parroquia de Cedofeita, e chegou a afectar unhas 2.750 hectáreas. Ademais dos danos ambientais e das perdas de madeira sufridas polos propietarios, os labores posteriores de retirada do material queimado provocaron un importante deterioro nos accesos forestais.

Unha vez retirada boa parte desa madeira, os traballos céntranse agora na recuperación das pistas. O alcalde, Dani Vega, explica que o Concello xa prevía que o tránsito da maquinaria e dos vehículos pesados necesarios para retirar o material acabaría afectando ao firme, polo que foi necesario buscar financiamento para acometer a súa rehabilitación.

As primeiras actuacións concéntranse en Cedofeita e Piñeiro, dúas das zonas máis afectadas, aínda que a intención municipal é continuar posteriormente noutros puntos.

O plan contempla tamén adaptar determinadas pistas cun ancho de seis metros para facilitar o acceso dos camións e permitir que a carga da madeira poida realizarse directamente desde a vía ás parcelas. Con esta medida búscase reducir os danos que este tipo de operacións poden provocar sobre os camiños.

Xunto ás obras de acondicionamento, está prevista unha limpeza en profundidade de diferentes pistas forestais. O Concello pretende estender progresivamente estas actuacións ás vías de concentración parcelaria, agrarias e forestais de varias parroquias.

Vega sinalou que os traballos actuais dan continuidade ás intervencións desenvolvidas en 2024, cando se planificaron labores de limpeza en pistas de concentración e camiños agrarios da costa. O obxectivo, segundo explicou, é manter unha programación continuada que permita mellorar tanto a conservación como a funcionalidade da rede de accesos rurais e forestais de Ribadeo.

0.14661192893982