Ribadeo pechará o exercicio de 2025 cun remanente de 1,5 millóns de euros

O Concello de Ribadeo levará ao pleno ordinario do vindeiro martes, 12 de maio, a aprobación da liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2025, que se pechou cun remanente de tesourería de 1,5 millóns de euros. O alcalde, Dani Vega, puxo en valor este resultado económico, que atribuíu á xestión “rigurosa e constante” realizada polo executivo municipal e polos servizos económicos do Concello.
Segundo explicou o rexedor, este balance positivo é consecuencia dunha planificación financeira centrada na optimización dos recursos propios e na captación de fondos procedentes doutras administracións, especialmente da Xunta de Galicia. Vega destacou que esta fórmula permitiu afrontar investimentos e actuacións sen cargar en exceso sobre as arcas municipais.
O alcalde lembrou tamén a situación coa que o actual goberno se atopou ao inicio do mandato, facendo referencia ás contas herdadas do exercicio 2023. Segundo indicou, aquel escenario económico presentaba escasa capacidade de aforro e apenas dispoñía de remanente, o que obrigou a realizar un importante esforzo de reorganización financeira durante os últimos anos.
Desde o executivo local consideran que o remanente acadado permitirá garantir o cumprimento do actual exercicio orzamentario e facilitará a achega municipal necesaria para acceder a distintas subvencións e proxectos financiados por outras administracións. Entre os exemplos mencionados figura a reforma da Avenida de América, unha actuación sufragada maioritariamente pola Xunta de Galicia e na que o Concello asume unha porcentaxe menor do investimento.
Vega salientou ademais que a mellora das contas municipais tamén está vinculada ao incremento das achegas doutras institucións para determinados servizos. Neste sentido, apuntou ao aumento da financiación autonómica do Servizo de Axuda no Fogar ou á asunción por parte da Deputación de Lugo da porcentaxe municipal correspondente á residencia de maiores.
O alcalde concluíu destacando a coordinación entre os departamentos técnicos e o goberno local, unha colaboración que, segundo afirmou, permitiu consolidar unha xestión económica “seria e responsable” que agora se traduce nunha situación financeira máis sólida para o Concello de Ribadeo.