Ribadeo mobiliza preto de 700.000 euros para mellorar a rede de estradas municipais

O Concello de Ribadeo deu un novo paso no seu plan de mellora das infraestruturas viarias coa licitación de novas obras que permitirán actuar en diferentes estradas municipais. Os proxectos, financiados a través do Plan Único da Deputación de Lugo e de Agader, supoñen un investimento próximo aos 700.000 euros para renovar vías de comunicación en distintos puntos do concello.
O alcalde, Dani Vega, explicou que o Concello xa sacou a contratación os traballos correspondentes ao Plan Único da Deputación, dotado con 370.000 euros, cos que se acometerán actuacións en varias parroquias. A esta inversión súmase outra promovida con fondos de Agader, destinada á mellora dunha vía considerada estratéxica na zona de Vilamariz, onde o estado do firme presenta un importante deterioro.
O rexedor lembrou que o Goberno local continúa desenvolvendo convenios coa Xunta de Galicia para seguir ampliando as actuacións na rede viaria municipal. Entre elas, destacou os traballos que xa se están executando na contorna da área recreativa de Santa Cruz, incluídos nun programa de actuacións valorado en 200.000 euros.
Segundo indicou Dani Vega, o obxectivo é estender progresivamente estas intervencións ao conxunto das parroquias que presentan estradas en peor estado, dando resposta a unha demanda veciñal que require importantes investimentos para recuperar a funcionalidade e a seguridade destas vías.
O alcalde asegurou que durante os últimos anos o Concello centrou boa parte da súa xestión na procura de financiamento para acometer estas melloras, co propósito de rehabilitar as principais comunicacións do municipio e actuar no maior número posible de estradas municipais.