Ribadeo mellorará os locais sociais de sete parroquias

AMariñaXa
As actuacións inclúen a renovación de cubertas, pavimentos e ventás, melloras de accesibilidade e ampliación de espazos, ademais de novos sistemas de iluminación e calefacción
Ribadeo-local-social-Piñeira
26 Aug 2026

O Concello de Ribadeo acometerá diferentes actuacións de mellora nos locais sociais das parroquias de Arante, Couxela, Piñeira, Vilaframil, Vilaselán, Cubelas e Ove. Os traballos contarán con financiamento íntegro da Xunta de Galicia e son resultado, segundo o goberno municipal, da colaboración entre a administración local e as asociacións veciñais.

As intervencións variarán en función das necesidades detectadas en cada instalación. En Arante está prevista a renovación da cuberta e do pavimento do local social, mentres que en Couxela se ampliará a pista para dispoñer de máis espazo durante a celebración de actividades. Tamén se incorporará equipamento destinado aos nenos e nenas e se actuará no local situado xunto á Escola de Couxela.

En Piñeira, os traballos consistirán no formigonado do exterior dos dous locais existentes e incluirán melloras destinadas a favorecer a accesibilidade.

Por outra banda, en Vilaframil renovarase a iluminación, mentres que Vilaselán concentrará varias das intervencións previstas. Neste último caso substituiranse o peche e as ventás, instalarase un novo sistema de calefacción e mellorarase a iluminación exterior.

As actuacións chegarán igualmente a Cubelas e Ove, onde se reforzará a iluminación exterior dos locais sociais.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou a colaboración das asociacións veciñais tanto na organización de actividades como na procura de axudas para conservar estas instalacións. "Isto foi un traballo conxunto que ten unha vocación de conservar e coidar o que é de todos", sinalou.

O rexedor puxo tamén en valor a achega do Goberno autonómico, que, segundo explicou, permitirá financiar o 100 % das actuacións. Vega considera necesario intervir nestes espazos despois de detectar deficiencias relacionadas co seu estado de conservación ou coa falta de iluminación exterior.

O goberno municipal avanza que continuará con esta liña de actuación para atender outras necesidades nas parroquias. "Detectando as cousas, planificando os investimentos e traballando coas asociacións é como se fan as cousas, cun traballo conxunto para que siga Ribadeo avanzando", concluíu o alcalde.

0.14441394805908