Ribadeo mellora as infraestruturas nas parroquias con novas bases para contedores e marquesiñas

O Concello de Ribadeo continúa desenvolvendo actuacións de mellora nas parroquias centradas na renovación das bases dos contedores e na instalación de novas marquesiñas nas paradas de autobús. Trátase dun plan progresivo que pretende mellorar tanto o servizo de recollida de residuos como as condicións de espera do transporte público.

O concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos, explicou que os traballos avanzan de maneira ordenada, parroquia por parroquia, co obxectivo de chegar a todo o termo municipal. Segundo indicou, xa se completaron actuacións en lugares como Arante, Vilamariz, Bestigueiros e Cedofeita, mentres que na actualidade os operarios están a intervir en Piñeira e na Devesa.
As actuacións inclúen a renovación dos contedores deteriorados, a substitución dos suxeitacontedores e a construción de novas bases, realizadas en formigón e cun acabado en pedra. Esta intervención permite mellorar a estabilidade e funcionalidade dos recipientes, especialmente en épocas de choiva, cando a acumulación de barro dificultaba o seu uso.
Desde o goberno local subliñan que moitos contedores estaban situados sobre superficies irregulares, como terra ou prados, o que provocaba que se afundisen co peso e complicasen o seu manexo. Coa nova estrutura, preténdese facilitar o desprazamento dos contedores e optimizar o traballo do persoal encargado da recollida de residuos.
Paralelamente, o Concello está a levar a cabo a instalación de novas marquesiñas en distintas parroquias e na estrada xeral da Costa. Estas infraestruturas, cedidas pola Xunta de Galicia, permitirán mellorar as condicións das persoas usuarias do transporte público, ofrecendo espazos máis cómodos e protexidos.
Diego Dos Santos insistiu en que o compromiso municipal pasa por completar estas actuacións en todo o territorio: “imos rematando en cada parroquia para continuar coa seguinte, de maneira que todo o concello quede en boas condicións”. Segundo indicou, estas intervencións responden á necesidade de modernizar servizos básicos e garantir unha mellor calidade de vida para a veciñanza.