Ribadeo mellora a rede de estradas do municipio

AMariñaXa
Estas actuacións súmanse ao Plan Avanza Rural, que xa está en marcha e que conta cun investimento de 315.000 euros
baches-ribadeo
6 sep 2024

Ribadeo realizará traballos de bacheo para mellorar a rede de estradas municipais, segundo anunciou o alcalde, Dani Vega. Estas actuacións súmanse ao Plan Avanza Rural, que xa está en marcha e que conta cun investimento de 315.000 euros para a renovación das infraestruturas viarias máis deterioradas. Vega explicou que, dentro da planificación do Concello para a conservación da rede de estradas, identificáronse zonas que precisan unha renovación completa, mentres que noutras se realizarán bacheos preventivos.

"Estamos investindo 315.000 euros nas estradas máis deterioradas, pero tamén observamos que noutros tramos hai baches que debemos evitar que se agraven", afirmou o alcalde. O rexedor sinalou que a planificación inclúe tanto intervencións inmediatas como outras a realizar nun futuro próximo, co obxectivo de previr un empeoramento das condicións das vías. Ademais, Vega indicou que o Plan Avanza Rural xa está en marcha en varias parroquias e que, en breve, se actuará noutras estradas fundamentais do concello.

"É necesario investir e conservar as nosas estradas, e iso forma parte da planificación e coordinación das nosas infraestruturas", concluíu o alcalde, destacando a importancia de manter as vías en bo estado para garantir unha mellor calidade de vida para os veciños de Ribadeo.

0.096831798553467