Ribadeo leva ás parroquias un novo ciclo de charlas para apoiar ás persoas coidadoras

O Concello de Ribadeo, a través da área de Benestar Social, Saúde e Familia, pon en marcha un novo ciclo de charlas orientadas ao coidado das persoas coidadoras, unha proposta que se desenvolverá ao longo dos meses de abril e maio en diferentes parroquias do municipio. Baixo o título Coidando a quen coida, estas sesións buscan ofrecer ferramentas útiles e crear espazos de encontro nos que compartir experiencias e reflexións arredor dunha realidade cada vez máis presente nos fogares.
As charlas serán impartidas por María Roel, quen abordará cuestións fundamentais como o manexo do estrés, a identificación de sinais de esgotamento, a comunicación coa persoa coidada ou a importancia de pedir axuda cando a situación o require. O obxectivo é dotar ás persoas asistentes de recursos prácticos que lles permitan afrontar o día a día con maior equilibrio e benestar.
A concelleira de Benestar, Elena Sierra, destacou que “é fundamental xerar estes espazos para parar e atender tamén a quen coida”, subliñando que o desgaste emocional e físico neste ámbito é cada vez máis evidente. Ao seu xuízo, iniciativas deste tipo “axudan a normalizar o feito de coidarse a un mesmo sen sentimento de culpa, ao tempo que proporcionan ferramentas útiles para a vida diaria”.
Na mesma liña, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, explicou que esta proposta forma parte dunha estratexia máis ampla do Concello para reforzar o apoio á veciñanza e poñer en valor o coidado das persoas, especialmente no ámbito familiar. Segundo indicou, trátase de “seguir avanzando en políticas que melloren a calidade de vida da cidadanía e recoñezan o papel esencial das persoas coidadoras”.
O calendario de sesións arrancará o 28 de abril en Vilaselán e continuará o día 29 en Rinlo. Xa no mes de maio, as charlas celebraranse o día 12 en A Devesa e Arante, o 13 no propio núcleo de Ribadeo, o 15 en Couxela, o 18 en Cinxe, o 26 en Vilaframil e pecharán o 28 en Cedofeita.
Desde o Goberno local anímase á participación da veciñanza, destacando que estas sesións non só ofrecen coñecementos prácticos, senón que tamén permiten crear redes de apoio entre persoas que comparten experiencias similares. A iniciativa preséntase así como unha oportunidade para visibilizar o labor das persoas coidadoras e contribuír ao seu benestar.