Ribadeo inicia a renovación da tubaxe de abastecemento cun investimento de 7,5 millóns

AMariñaXa
A actuación, cun prazo de execución de 15 meses, busca reducir as perdas superiores ao 20 %, acabar coas continuas avarías e mellorar a presión da auga
concello-ribadeo-2026
22 Sep 2026

Ribadeo iniciou as obras de renovación da tubaxe da rede de abastecemento de auga procedente de Vilarbetote, unha actuación que mobilizará 7,5 millóns de euros e que o alcalde, Dani Vega, cualifica como "o investimento máis importante dos últimos vinte anos" no municipio.

Os traballos terán unha duración prevista de 15 meses e permitirán actuar sobre unha infraestrutura que, segundo explicou o rexedor, presenta importantes deficiencias. Entre elas están as perdas de auga, que se sitúan por riba do 20 %, as roturas frecuentes da condución e os problemas de presión que se rexistran en diferentes puntos.

"Nestes momentos Ribadeo ten problemas de abastecemento da auga, temos moitas avarías. Eu sempre dixen que unha avaría por día e, ás veces, máis dunha por día", sinalou Vega. O alcalde incidiu en que esta situación provoca tamén un importante desperdicio do recurso hídrico e dificulta a súa correcta xestión.

A actuación conta cunha achega do 80 % por parte do Goberno autonómico, ademais da colaboración técnica de Augas de Galicia. Vega agradeceu o apoio recibido tanto para conseguir o financiamento como durante a preparación do proxecto. "Foi unha xestión dura, pero sendo constantes e marcando as prioridades conseguimos xestionar 7,5 millóns de euros", apuntou.

O rexedor destacou que Concello e Augas de Galicia manterán unha coordinación constante durante os quince meses previstos para a execución dos traballos, dada a complexidade dunha intervención destas características. No desenvolvemento da actuación tamén terá participación o Concello de Trabada.

Para Vega, a renovación da condución entre Vilarbetote e Ribadeo era unha das principais necesidades que debía afrontar o municipio. "Dende a oposición sempre o dixemos e cando chegamos ao goberno estamos cumprindo", asegurou.

Máis alá de solucionar as avarías e perdas actuais, o goberno local considera que a nova infraestrutura será determinante para o crecemento futuro de Ribadeo. O alcalde vinculou a dispoñibilidade dun abastecemento suficiente e fiable coa capacidade do municipio para atraer novas empresas e facilitar o desenvolvemento residencial.

"Se queremos máis empresas, se queremos máis vivendas, é fundamental ter recurso hídrico", afirmou Vega, quen defendeu que esta actuación permitirá afrontar tanto as necesidades actuais como as que poidan xurdir nos próximos anos. "É unha obra fundamental, prioritaria e que marca o futuro de Ribadeo non só a curto prazo, senón tamén a longo prazo", concluíu.

0.12614989280701