Ribadeo incorpora a unha moza con síndrome de Down ao persoal municipal a través dun programa de inclusión laboral

AMariñaXa
A nova traballadora desenvolverá funcións de ordenanza durante un ano dentro dun proxecto impulsado polo Concello, a Xunta e a asociación Síndrome de Down Lugo
convenio-inclusion-Ribadeo-2026
18 May 2026

O Concello de Ribadeo presentou este martes o Programa Laboral de Inclusión para Persoas con Discapacidade Intelectual, unha iniciativa que permitirá a incorporación dunha moza da asociación Síndrome de Down Lugo ao persoal municipal durante un ano. A traballadora desempeñará funcións de ordenanza e dependerá directamente da Alcaldía.

O acto serviu para visibilizar a colaboración que o Concello mantén coa asociación lucense e tamén coa Xunta de Galicia para impulsar medidas orientadas á integración laboral e social das persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou que esta actuación supón un paso importante cara á inclusión real e efectiva. Segundo explicou, a iniciativa nace dentro dunha liña de traballo conxunta que xa deu lugar anteriormente á celebración dun foro de análise e debate sobre as necesidades e dificultades ás que se enfrontan estas persoas no seu día a día.

O rexedor subliñou que o compromiso das administracións debe ir máis aló das declaracións institucionais e traducirse en medidas concretas. Neste sentido, considerou fundamental ofrecer oportunidades laborais reais e apostar pola incorporación destas persoas aos distintos ámbitos profesionais, tamén dentro da administración pública.

Vega sinalou que a nova traballadora formará parte do persoal municipal “en igualdade de condicións” e amosouse convencido de que a súa presenza contribuirá a reforzar os valores de integración e convivencia dentro do Concello. Ademais, insistiu en que este tipo de programas permiten avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e comprometida coa igualdade de oportunidades.

O alcalde tamén avanzou que a colaboración coa asociación Síndrome de Down Lugo continuará nos próximos meses con novas iniciativas. Entre elas, anunciou a organización dun encontro provincial que terá lugar en Ribadeo días antes da Xira e que incluirá actividades no monte de Santa Cruz.

Desde o Concello consideran que o traballo coordinado entre institucións e entidades sociais está a permitir consolidar proxectos que favorecen a participación activa das persoas con discapacidade intelectual na vida social e laboral, reforzando así o compromiso do municipio coa integración e coa igualdade.

0.11659002304077