Ribadeo impulsa un programa pioneiro de inclusión laboral para persoas con discapacidade intelectual

O Concello de Ribadeo dará un novo paso en materia de inclusión social coa presentación, o vindeiro 18 de maio, dun programa laboral destinado a persoas con discapacidade intelectual. O acto celebrarase ás 12.00 horas no Salón dos Alcaldes e servirá para formalizar a colaboración entre o Concello, a asociación Down Lugo e a administración autonómica.
A iniciativa permitirá a incorporación dunha persoa vinculada á asociación Down Lugo ao cadro de persoal municipal durante un ano, desempeñando funcións de ordenanza. O traballador ou traballadora dependerá directamente da Alcaldía e participará no funcionamento diario da administración local, dentro dun proxecto que busca favorecer a integración e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou que este programa naceu da colaboración entre as áreas de Benestar Social e Persoal, coa intención de crear unha oportunidade laboral estable para persoas con discapacidade intelectual. O rexedor destacou que Ribadeo será o primeiro concello en desenvolver unha iniciativa destas características da man de Down Lugo.
Vega puxo en valor o papel da asociación e o traballo realizado nos últimos anos arredor da igualdade de oportunidades. Segundo sinalou, este tipo de programas permiten non só ofrecer emprego, senón tamén formación e acompañamento, facilitando unha integración efectiva no ámbito laboral.
O alcalde incidiu ademais en que esta colaboración non se limitará a esta contratación concreta, xa que o Concello prevé impulsar novas actividades inclusivas nos próximos meses. Tamén agradeceu o labor desenvolvido tanto polo persoal municipal como polas concellarías implicadas na posta en marcha do proxecto.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, definiu esta iniciativa como “un paso moi importante cara á inclusión real” e subliñou que a nova incorporación formará parte do equipo municipal “en igualdade de condicións”.
Na mesma liña se expresou a responsable de Persoal, Montse Seijo, quen destacou o valor humano e profesional da experiencia. A edil mostrou a súa satisfacción pola chegada dunha nova compañeira ao Concello e asegurou que esta incorporación enriquecerá o día a día do persoal municipal.