Ribadeo impulsa novas melloras nas estradas parroquiais cun investimento de 373.000 euros

O Concello de Ribadeo continúa avanzando no plan de mellora das vías municipais con novas actuacións en diferentes parroquias, financiadas a través do Plan Único da Deputación. O investimento previsto nesta fase ascende a 373.000 euros e permitirá intervir en puntos onde o estado das estradas presentaba un maior deterioro.
O alcalde, Dani Vega, destacou que os traballos se están desenvolvendo en lugares como A Devesa, Vilaframil, Piñeira, Ove ou Couxela, cunha estratexia que combina a renovación do firme co acondicionamento das infraestruturas de drenaxe. Segundo explicou, non se trata unicamente de aplicar novo aglomerado, senón de resolver problemas estruturais que afectan á durabilidade das vías.
Neste sentido, subliñou a importancia das actuacións vinculadas á canalización e recollida de augas, unha demanda histórica da veciñanza en varias zonas. Como exemplo, mencionou as obras na Devesa, onde se están a executar traballos para reconducir escorrentías que durante anos provocaron danos e molestias, así como as intervencións en Ove, especialmente no barrio de Santa Cruz.
O rexedor incidiu en que, aínda que as necesidades son amplas en todo o termo municipal, este plan supón un avance significativo na mellora da rede viaria local. Ao mesmo tempo, avanzou que o goberno xa traballa na preparación dunha nova fase do Plan Único, coa intención de incrementar o orzamento e continuar ampliando as actuacións.
“Non podemos conformarnos, hai que seguir investindo e mellorando as nosas estradas, sobre todo no rural, onde son fundamentais para a vida diaria da veciñanza”, sinalou Vega, quen puxo en valor o esforzo por reforzar as comunicacións nas parroquias.