Ribadeo impulsa Gastropraza para revitalizar a Praza de Abastos con actividades gastronómicas

AMariñaXa
O programa arrinca este sábado cun obradoiro sobre tofu natural e busca converter o mercado nun espazo de encontro, formación e degustación
Ribadeo-plaza-abastos
16 Apr 2026

O Concello de Ribadeo pon en marcha, en colaboración coa Xunta de Galicia, Acisa e a Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, o proxecto Gastropraza, unha iniciativa destinada a dinamizar a Praza de Abastos e reforzar o seu papel como punto de referencia para o produto local e o comercio de proximidade.

A proposta, que naceu hai un ano e que agora colle novo impulso, desenvolverase ao longo dos vindeiros meses cun amplo abano de actividades pensadas para todos os públicos. O obxectivo é transformar o mercado nun espazo vivo no que, ademais de adquirir produtos frescos, tamén se poida aprender, experimentar e degustar.

A primeira das citas terá lugar este sábado, 18 de abril, a partir das 12:00 horas, cun obradoiro centrado no tofu natural, produto que protagonizará esta sesión inicial aberta á participación da cidadanía. Durante a actividade abordaranse técnicas de elaboración e diferentes posibilidades culinarias arredor deste alimento.

O programa inclúe, ademais, outras propostas formativas e divulgativas como cursos de elaboración de pan e queixos, talleres de cociña internacional —entre eles un dedicado á gastronomía india— e actividades centradas na saúde alimentaria e a nutrición.

Un dos eixos destacados de Gastropraza será tamén o seu carácter educativo, con iniciativas dirixidas a centros escolares para fomentar hábitos de alimentación saudable e achegar o alumnado ao valor do produto de proximidade e de calidade.

Desde o Concello e Acisa subliñan que a intención é reforzar a actividade económica e social arredor da Praza de Abastos, poñendo en valor o traballo dos praceiros e dos produtores locais e convertendo este espazo nun punto de encontro dinámico para a veciñanza e visitantes.

0.11767482757568