Ribadeo impulsa a mellora das vías secundarias co Plan Avanza Rural e actuacións en Remourelle

AMariñaXa
O Concello combina investimentos da Xunta e esixencia ás empresas para recuperar pistas de concentración en todo o municipio
261021-Foto-Concello-Ribadeo
22 Jun 2026

O Concello de Ribadeo continúa avanzando na mellora da súa rede de vías secundarias e estes días centra os traballos na parroquia de Remourelle, dentro dun plan de actuación que busca recuperar pistas de concentración e mellorar o acceso ás explotacións e ás parcelas rurais.

O alcalde, Dani Vega, explicou que a intervención se enmarca nunha estratexia baseada na xestión de fondos autonómicos e na planificación municipal. Segundo indicou, estase a traballar coa maquinaria necesaria —motoniveladora, camións e pa— para realizar tarefas previas de limpeza e acondicionamento, antes da posterior achega de saburra, material tamén facilitado pola Xunta de Galicia.

Vega destacou ademais a importancia de esixir responsabilidade ás empresas que operan no ámbito forestal e agrícola, xa que o seu tránsito provoca danos nestas vías. Neste sentido, lembrou que a normativa municipal obriga a estas compañías a restaurar as pistas ao seu estado orixinal tras os traballos.

O rexedor sinalou que esta actuación forma parte do Plan Avanza Rural, co que o Concello pretende mellorar tanto estradas principais como vías secundarias, despois de anos sen investimentos suficientes. As intervencións esténdense por distintas parroquias da costa e do interior, seguindo unha planificación estable.

O alcalde agradeceu tamén a colaboración da Xunta de Galicia, coa que se están asinando convenios para financiar melloras viarias que, segundo indicou, son fundamentais tanto para o sector gandeiro e agrícola como para o uso veciñal e recreativo destas pistas.

Finalmente, Vega insistiu en que o obxectivo é manter unha liña de traballo baseada na planificación, a xestión e o rigor para seguir mellorando a rede viaria municipal.

0.12697815895081