Ribadeo impulsa a formación hostaleira cunha másterclass sobre harmonía de viños

A Praza de Abastos de Ribadeo acollerá o vindeiro mércores, 6 de maio, ás 12:00 horas, unha másterclass centrada na harmonía entre viños, cervexas e gastronomía, unha proposta formativa dirixida principalmente ao sector hostaleiro. A actividade será impartida polo sumiller Alberto Vega e forma parte da programación do Ribadeo Sabe, o renovado concurso de tapas promovido polo Concello e Acisa.
A iniciativa preséntase como un espazo de aprendizaxe e intercambio no que profesionais da hostalaría poderán afondar nas posibilidades que ofrece a combinación adecuada de bebidas e pratos. Durante a sesión, as persoas asistentes participarán nunha cata guiada que incluirá viños brancos, tintos e distintas cervexas, ao tempo que recibirán recomendacións prácticas para potenciar sabores e crear propostas gastronómicas máis equilibradas e atractivas.
Desde a asociación Cociñeiros Lugo destacan que o obxectivo desta actividade é proporcionar ferramentas útiles que poidan aplicarse no día a día dos establecementos, contribuíndo así a mellorar a experiencia dos clientes. Ademais, subliñan que esta másterclass busca reforzar a formación continua do sector e poñer en valor os produtos, dentro dunha estratexia máis ampla de profesionalización vinculada ao Ribadeo Sabe.
Tanto o Concello como Acisa animan ao conxunto do sector hostaleiro local a participar nesta proposta, que terá lugar nun espazo emblemático como é a Praza de Abastos. A sesión supón un adianto do ambiente que se vivirá na próxima edición do Ribadeo Sabe, que se celebrará entre o 14 e o 17 de maio coa participación de 22 locais da vila.