Ribadeo e Barreiros poñen en marcha en xuño un novo obradoiro de emprego con 20 prazas

AMariñaXa
O programa Constrúe en Verde II, financiado pola Xunta, ofrecerá formación durante nove meses en dúas especialidades
261021-Foto-Concello-Ribadeo
25 Apr 2026

Os concellos de Ribadeo e Barreiros volverán colaborar na posta en marcha dun novo obradoiro de emprego, que dará comezo o vindeiro 1 de xuño e contará con 20 participantes. A iniciativa, denominada Constrúe en Verde II, está financiada pola Xunta de Galicia e ten como obxectivo principal mellorar a empregabilidade das persoas participantes a través da formación práctica.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou a importancia de continuar con este tipo de programas conxuntos entre administracións locais. Segundo indicou, “é o camiño correcto, xa que permite formar á xente e darlle ferramentas para acceder ao mercado laboral”. O rexedor subliñou que este proxecto non só contribúe á capacitación profesional, senón que tamén abre novas oportunidades para aquelas persoas que se atopan en busca activa de emprego.

O obradoiro contará con dúas especialidades formativas, cada unha delas con dez prazas, e desenvolverase ao longo de nove meses, desde xuño de 2026 ata febreiro de 2027. Durante este período, o alumnado combinará formación teórica e práctica, participando en actuacións reais que permitirán mellorar diferentes espazos de titularidade municipal.

Neste sentido, Vega explicou que os traballos previstos inclúen intervencións en zonas verdes e en instalacións públicas, como o auditorio ou a nave municipal, ademais doutros inmobles que precisan tarefas de mantemento e rehabilitación. “Constrúe en Verde tamén significa actuar sobre o noso entorno, contribuíndo á recuperación de espazos e á súa posta en valor”, sinalou.

A iniciativa tamén contará cun equipo docente encargado de impartir a formación e de guiar ao alumnado ao longo do proceso. En total, o investimento destinado a este proxecto ascende a 480.000 euros.

Desde os concellos impulsores destacan o valor desta colaboración como ferramenta para fomentar o emprego e dinamizar o territorio, ao tempo que se melloran infraestruturas e espazos públicos. O obradoiro preséntase así como unha oportunidade para adquirir experiencia laboral e avanzar cara á inserción no mercado de traballo.

0.12896800041199