Ribadeo destina máis de 50.000 euros a renovar accesos e servizos en Folgosa

AMariñaXa
As actuacións incluirán a renovación do pavimento, saneamento, abastecemento, recollida de augas e iluminación, ademais de melloras demandadas pola veciñanza
Ribadeo-Folgosa
14 Sep 2026

O Concello de Ribadeo acometerá diferentes actuacións en Folgosa cun investimento superior aos 50.000 euros, destinado tanto á renovación do acceso principal como á mellora de diferentes puntos do propio núcleo. Os traballos abranguerán o pavimento e varios servizos básicos, con especial atención aos problemas relacionados coa acumulación de auga.

O alcalde, Dani Vega, explicou que unha das intervencións se centrará no acceso principal a Folgosa, actualmente deteriorado. A actuación non se limitará á parte visible da vía, senón que incluirá traballos na recollida de augas, o saneamento e a pavimentación, ademais da instalación de novas luminarias nun acceso que, segundo indicou, carecía de iluminación.

As melloras chegarán tamén ao interior do núcleo. O Concello prevé actuar nunha zona na que se acumula auga diante das vivendas, polo que se renovará este espazo para tratar de solucionar os problemas existentes.

O programa inclúe ademais actuacións desde a rotonda do Vilar ata o polígono industrial e desde este ata a estrada que conduce á Escola de Piñeira. "Estamos diante dunha actuación de renovación de pavimento e tamén de mellora do saneamento, abastecemento e iluminación", resumiu Vega.

PETICIÓNS VECIÑAIS. Parte dos traballos previstos responden tamén ás demandas trasladadas polos veciños e veciñas de Folgosa. Entre elas atópase o acondicionamento da pista na que se celebran eventos e festas, cuxo pavimento presenta un importante deterioro.

Segundo explicou o rexedor, o proxecto permitirá canalizar a parte frontal da parcela e aglomerar a zona situada diante da pista. "Quixemos escoitar aos veciños", afirmou Vega, quen incidiu en que esta intervención atende as peticións recibidas desde o núcleo.

O alcalde sinalou que estas actuacións se enmarcan na planificación municipal para continuar mellorando infraestruturas nas parroquias e núcleos rurais. Neste sentido, indicou que o Concello continúa xestionando fondos do Goberno autonómico e incorporando as necesidades trasladadas polas asociacións veciñais ao denominado plan Avanza Rural.

Vega recoñeceu que as intervencións non poden executarse coa rapidez desexada en todos os puntos, pero asegurou que o obxectivo é avanzar progresivamente nas diferentes parroquias, priorizando os lugares nos que o pavimento e os servizos presentan un maior deterioro.

0.14162015914917