Ribadeo destina 50.000 euros á renovación da iluminación da área recreativa de Santa Cruz

AMariñaXa
O proxecto permitirá iluminar novos espazos do monte, incluído o monumento ao gaiteiro, e reforzar a conservación dun dos lugares máis emblemáticos do municipio
AREA-DE-SANTA-CRUZ-(RIBADEO)
25 Jun 2026

O Concello de Ribadeo continúa avanzando na mellora e conservación da área recreativa de Santa Cruz cun novo investimento de 50.000 euros destinado á renovación e ampliación da iluminación deste enclave natural e turístico. A actuación busca incrementar a seguridade, poñer en valor elementos patrimoniais do lugar e seguir impulsando a conservación dun dos espazos máis representativos da vila.

Segundo explicou o alcalde, Dani Vega, esta intervención dá continuidade ao plan de actuacións desenvolvido nos últimos anos en colaboración coa Comunidade de Montes. Entre os traballos realizados anteriormente figuran a eliminación de especies invasoras, labores de limpeza forestal e diversas melloras na área recreativa, como a instalación dunha nova varanda de madeira e a renovación do miradoiro.

A nova fase do proxecto centrarase agora na dotación de iluminación en zonas que carecían deste servizo. As actuacións chegarán ao propio miradoiro, á parte superior do recinto e tamén á área principal onde se sitúan a cruz e o monumento ao gaiteiro, unha das pezas máis recoñecibles do espazo. Será a primeira vez que este monumento conte con iluminación específica, permitindo realzar a súa presenza e o seu valor simbólico.

Desde o Goberno local destacan que esta iniciativa forma parte dunha estratexia continuada de captación de recursos para mellorar os espazos públicos e turísticos do municipio. Neste sentido, Vega incidiu na importancia de combinar os investimentos con tarefas de mantemento que garantan a conservación das actuacións xa executadas.

O rexedor tamén puxo en valor a colaboración mantida coa Comunidade de Montes, á que agradeceu a súa implicación na planificación e desenvolvemento das melloras realizadas en Santa Cruz. Ademais, avanzou que o Concello continúa traballando na procura de novos fondos para acometer futuras actuacións, entre elas a mellora dos accesos ao monte.

O Executivo municipal considera que estas intervencións contribúen a reforzar o atractivo dun dos miradoiros máis destacados de Galicia e a preservar un espazo moi vinculado á identidade de Ribadeo, favorecendo ao mesmo tempo o seu uso e desfrute por parte da veciñanza e das persoas visitantes.

0.10426712036133