Ribadeo despide agosto sobre dúas rodas cunha nova edición do Día da Bicicleta

AMariñaXa
A concentración será ás 10.30 horas diante do Pazo de Ibáñez e a ruta partirá ás 11.00 horas, cun sorteo de agasallos ao finalizar
dia-mundial-de-la-bicicleta
27 Aug 2026

Ribadeo celebrará este domingo, 30 de agosto, unha nova edición do Día da Bicicleta, unha proposta deportiva e de lecer que invita á veciñanza a percorrer sobre dúas rodas un itinerario entre o centro da vila e o faro.

A concentración dos participantes terá lugar ás 10.30 horas nas inmediacións do Pazo de Ibáñez. Media hora máis tarde, ás 11.00 horas, iniciarase a ruta desde a Casa do Concello.

O percorrido levará aos ciclistas ata o faro de Ribadeo para, posteriormente, emprender o regreso ao mesmo punto de partida. A actividade busca reunir a persoas de diferentes idades nunha mañá dedicada ao deporte e ao uso da bicicleta.

Unha vez completado o itinerario, celebrarase un sorteo de agasallos entre as persoas participantes, co que se porá o broche á xornada.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á veciñanza a sumarse á iniciativa. "A coller a bici o vindeiro domingo e a pedalear todos xuntos. Será unha maneira divertida e saudable de despedir o mes de agosto en Ribadeo", sinalou.

O Día da Bicicleta regresa así ao municipio como unha proposta para combinar actividade física e lecer ao aire libre durante o último domingo de agosto.

0.10348200798035