Ribadeo dará luz verde á regulación das autocaravanas e a un novo contrato para modernizar o alumeado público

O Concello de Ribadeo levará ao próximo pleno dúas iniciativas coas que pretende avanzar na ordenación do municipio e na mellora dos servizos públicos. Trátase da aprobación inicial da ordenanza reguladora do estacionamento e da acampada de vehículos camperizados e autocaravanas, así como dun novo contrato de servizos enerxéticos para a xestión e modernización do alumeado exterior.
O alcalde, Dani Vega, explicou que a futura normativa busca establecer un marco claro para o uso destes vehículos, evitando que poidan estacionar ou acampar en espazos non habilitados. Segundo indicou, o obxectivo é compatibilizar a chegada deste tipo de turismo coa protección da contorna e cun uso ordenado do espazo público.
O rexedor sinalou que a ordenanza impedirá a acampada e o estacionamento en zonas naturais protexidas, espazos da Rede Natura, áreas portuarias e outros puntos do municipio nos que esta práctica resulte incompatible coa conservación do medio ou coa convivencia. Ademais, destacou que o regulamento dotará ao Concello das ferramentas necesarias para actuar directamente e sancionar os incumprimentos, unha competencia da que ata o de agora carecía e que obrigaba a trasladar os expedientes a outras administracións.
Vega asegurou que esta medida permitirá reforzar o modelo de turismo que promove Ribadeo, apostando por unha xestión máis organizada e sostible do destino, ao tempo que destacou o carácter pioneiro da iniciativa no ámbito municipal galego.
Xunto a esta ordenanza, o pleno tamén analizará a aprobación inicial do contrato de servizos enerxéticos para a xestión do alumeado exterior. A actuación contempla a modernización das instalacións de iluminación tanto no núcleo urbano como nas parroquias, ademais da renovación dos cadros eléctricos e da optimización do sistema de xestión.
O alcalde explicou que esta medida permitirá avanzar na modernización das infraestruturas municipais, seguindo o exemplo doutros concellos que xa implantaron modelos similares con resultados positivos. O propósito, segundo subliñou, é mellorar a eficiencia do servizo, optimizar o funcionamento da rede de iluminación e continuar impulsando actuacións que contribúan ao desenvolvemento e á mellora de Ribadeo.