Ribadeo culmina a recuperación da fonte e do lavadoiro do Cristo de Rinlo cun investimento de máis de 32.000 euros

AMariñaXa
A actuación permitiu rehabilitar este espazo patrimonial e mellorar o seu entorno, incluíndo o acceso, a drenaxe e as zonas verdes
Ribadeo-lavadoiro-Rinlo-1
4 Aug 2026

O Concello de Ribadeo vén de finalizar os traballos de recuperación da fonte e do lavadoiro do Cristo, en Rinlo, unha actuación que supuxo un investimento de 32.250 euros financiado integramente pola Xunta de Galicia. O proxecto permitiu restaurar un dos espazos tradicionais da parroquia e mellorar o seu entorno coa intención de garantir a súa conservación e poñelo de novo en valor.

O alcalde, Dani Vega, destacou que esta intervención forma parte da estratexia municipal para captar fondos doutras administracións destinados á rehabilitación do patrimonio e dos espazos naturais. Segundo explicou, o obxectivo é recuperar lugares emblemáticos da costa ribadense que forman parte da identidade da veciñanza e da historia mariñeira de Rinlo.

As obras abrangueron a rehabilitación da fonte e do antigo lavadoiro, así como a renovación integral da contorna. Entre as actuacións realizadas inclúense a reparación das estruturas de madeira que aínda podían conservarse e a substitución das que presentaban un estado irreversible de deterioro. Ademais, acondicionouse o acceso ao recinto cun novo pavimento e executouse unha canalización das augas pluviais para evitar que a escorrentía seguise deteriorando o camiño.

O rexedor incidiu na importancia de que as administracións continúen investindo na conservación do patrimonio e dos espazos verdes, ao tempo que apelou á implicación da cidadanía para garantir o seu bo estado e preservar estes lugares para as futuras xeracións.

Dani Vega lembrou que, ao comezo do actual mandato, o goberno local elaborou unha planificación para recuperar diferentes espazos que, segundo afirmou, presentaban un notable estado de abandono. Neste sentido, considera que a restauración da fonte e do lavadoiro do Cristo supón un paso máis dentro desa liña de actuación orientada á posta en valor do patrimonio local.

O alcalde subliñou tamén que ofrecer unha imaxe coidada do municipio pasa por conservar tanto os espazos naturais como os elementos patrimoniais que forman parte da súa historia. Por iso, asegurou que o Concello continuará traballando para conseguir novos recursos económicos que permitan acometer actuacións semellantes noutros puntos do termo municipal.

0.10705518722534