Ribadeo convértese no epicentro do fútbol sala provincial

Ribadeo acollerá este domingo, 27 de abril, unha intensa xornada deportiva coa celebración das finais provinciais de fútbol sala nas categorías benxamín, alevín e infantil. Máis de 200 xogadores e xogadoras daranse cita nos dous pavillóns municipais —o Alfredo Deaño e o da Avenida de Luarca— para disputar os encontros decisivos desta fase da competición.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou que “os partidos comezarán ás 10:00 horas e prolongaranse durante toda a xornada, que culminará cunha cerimonia de entrega de trofeos prevista para as oito da tarde”. Silvent expresou o seu entusiasmo pola acollida deste evento deportivo e sinalou que “é unha gran oportunidade para Ribadeo, non só no plano deportivo senón tamén no económico e turístico”.
Desde o Concello destacan o impacto positivo que terá a chegada de familias, equipos e afeccionados, que contribuirán a dinamizar a hostalaría, o comercio e outros servizos locais. “Será un domingo de ambiente festivo e de promoción do deporte base, no que Ribadeo volverá demostrar a súa capacidade para organizar eventos de gran envergadura”, concluíu o edil.