Ribadeo converterase en sede do Campus Mareo Itinerante do Sporting de Xixón este verán

AMariñaXa
A iniciativa, dirixida a mozos e mozas de entre 8 e 18 anos, desenvolverase do 22 ao 27 de xuño cun enfoque formativo e deportivo
Ribadeo-Campus-Mareo-baloncesto-026
22 Apr 2026

Ribadeo acollerá entre os días 22 e 27 de xuño unha nova edición do Campus Mareo Itinerante do Sporting de Xixón, unha proposta que achegará ao municipio a metodoloxía de traballo dunha das canteiras máis recoñecidas do fútbol estatal. A presentación oficial do evento tivo lugar no Salón dos Alcaldes, coa presenza de representantes institucionais, deportivos e da organización.

No acto participaron o alcalde, Dani Vega; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; o CEO de The Football Dream, Alberto Carmona; o coordinador da SD Ribadeo, Aitor García; e o técnico municipal de Deportes, Iván López, quen destacaron a importancia desta iniciativa para o fomento do deporte base e a formación da mocidade.

Durante a presentación, o edil de Deportes agradeceu ao club asturiano a súa implicación neste tipo de proxectos e subliñou que “é unha oportunidade única para que os nosos xogadores e xogadoras coñezan de preto os valores e o talento dunha das mellores canteiras do fútbol español”. Ademais, puxo en valor a elección de Ribadeo como escenario do campus, indicando que “somos un punto de encontro natural entre Galicia e Asturias, e iso tamén se reflicte no ámbito deportivo”.

Silvent lembrou que xa son varias as edicións celebradas deste campus itinerante no municipio e mostrou o seu desexo de que continúe nos vindeiros anos, consolidándose como unha cita fixa no calendario deportivo local. Así mesmo, animou ás familias a inscribir aos máis novos, destacando que “vivir esta experiencia cun club como o Sporting de Xixón supón unha aprendizaxe que vai máis alá do fútbol”.

O campus está dirixido a rapazas e rapaces de entre 8 e 18 anos e combina adestramento técnico con actividades orientadas á transmisión de valores como o compañeirismo, o esforzo e o respecto. As inscricións xa están abertas e poden formalizarse a través da páxina web da organización, onde tamén se ofrece información detallada sobre o desenvolvemento da actividade.

Con esta proposta, Ribadeo reafirma o seu compromiso co deporte base e coa promoción de iniciativas que contribúan ao desenvolvemento persoal e deportivo da mocidade.

0.11532878875732