Ribadeo amplía a doce as cámaras para controlar o tráfico e protexer as zonas peonís

AMariñaXa
Os dispositivos buscan impedir o acceso de vehículos non autorizados ás áreas peonís e reforzar a protección do casco antigo
ribadeo-instalacion-camaras-trafico-2026
3 Sep 2026

Ribadeo continúa ampliando o sistema de videovixilancia destinado ao control do tráfico coa instalación de novas cámaras de lectura de matrículas. O municipio dispón xa de doce dispositivos repartidos por diferentes puntos estratéxicos, segundo informou a concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Seijo.

A actuación dá continuidade ao proxecto iniciado en 2024 co obxectivo de ordenar a circulación, incrementar a seguridade cidadá e controlar especialmente os accesos ás zonas peonís e ao casco antigo.

Unha das principais funcións das cámaras será identificar os vehículos que circulen por espazos con acceso restrinxido. O sistema permitirá comprobar as matrículas para evitar a entrada de coches que non conten coa correspondente autorización.

"Trátase de evitar que os vehículos non autorizados pasen por esas zonas peonís", explicou Seijo. As restricións non afectarán aos vehículos que teñan xustificada a súa entrada, entre eles ambulancias, corpos de seguridade ou outros servizos autorizados.

As doce cámaras coas que conta actualmente Ribadeo están distribuídas en cinco localizacións. Os dispositivos sitúanse na rotonda do Juanín, na avenida Rosalía de Castro, no cruzamento do Parador de Turismo, nas Catro Calles e na praza de España, neste último caso en dirección á rúa San Francisco.

Desde o goberno municipal vinculan a ampliación deste sistema coa estratexia desenvolvida para reorganizar o tráfico e incrementar a protección dos espazos peonís, especialmente no centro histórico.

Seijo enmarcou tamén a medida noutras actuacións realizadas no casco antigo, como as relacionadas coa limpeza ou o impulso á rehabilitación de vivendas. A concelleira sinalou que o Concello pretende continuar avanzando na mellora da seguridade ao mesmo tempo que busca facer máis atractivo este ámbito de Ribadeo.

0.14487195014954