Ribadeo acollerá o I Torneo das Catedrais de Fútbol Sala na categoría benxamín

O próximo 2 de abril terá lugar en Ribadeo a primeira edición do Torneo das Catedrais de Fútbol Sala, centrado na categoría benxamín. A cita disputarase no pavillón municipal e contará coa participación do Ribadeo FS, Vilalba FS e Fonte do Rei. Segundo explicou o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, “serán arredor de 40 xogadores benxamíns os que participen neste I Torneo das Catedrais, como di o lema, o templo onde nacen os campións”.
O evento está organizado en colaboración con Xogade, Xunta de Galicia e Deporte Galego, e pretende converterse nunha xornada deportiva e lúdica que combine competición, diversión e aprendizaxe. Silvent animou á cidadanía a asistir e disfrutar dun xoves santo diferente, gozando das habilidades destas futuras promesas que, segundo destaca, “seguro que chegarán lonxe nun futuro próximo”.
O concelleiro engadiu que o torneo tamén busca fomentar os valores do deporte entre os máis novos, como o respecto, o traballo en equipo e a convivencia, ao tempo que ofrece unha oportunidade para que os clubes locais mostren o seu traballo na formación de pequenos deportistas. A previsión é que o pavillón se encha de afeccionados e familiares, creando un ambiente festivo e motivador para todos os participantes.