Ribadeo acollerá en 2027 o XVIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

GaliciaXa | AMariñaXa
A cita celebrarase do 1 ao 4 de xullo e estará organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Talameira, en colaboración co Concello e Culturmar
Ribadeo-vistas-area-santa-cruz
6 Oct 2026

Ribadeo será a sede do XVIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG), que se celebrará do 1 ao 4 de xullo de 2027. A elección foi aprobada por unanimidade na asemblea xeral extraordinaria da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, tras avaliar o proxecto presentado pola Asociación Cultural e Deportiva Talameira.

A decisión culmina o proceso iniciado o pasado mes de marzo, cando a asemblea xeral de Culturmar deu o seu apoio unánime á candidatura de Ribadeo para acoller a décimo oitava edición do Encontro. Desde entón, a proposta avanzou nos trámites necesarios ata chegar á presentación do proxecto definitivo para organizar o evento na Mariña luguesa.

A organización estará a cargo da Asociación Cultural e Deportiva Talameira, coa colaboración do Concello de Ribadeo e Culturmar. Será a primeira vez que o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia se traslade á costa cantábrica galega.

A elección de Ribadeo permitirá achegar esta celebración á Mariña luguesa e ampliar o percorrido do evento por diferentes territorios costeiros de Galicia. Para Culturmar, a cita suporá tamén unha oportunidade para divulgar e poñer en valor o patrimonio marítimo, as embarcacións tradicionais e a cultura vinculada ao mar nesta zona.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia comezou a celebrarse en 1993 e ten carácter bienal. Ao longo das súas edicións consolidouse como un punto de encontro para persoas e colectivos relacionados coa recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego.

A programación reúne embarcacións tradicionais procedentes de Galicia e doutros lugares e complétase con propostas culturais e de lecer, conferencias, exposicións, publicacións, música e danza, artesanía e outras actividades vinculadas á cultura marítima.

A última edición celebrouse en 2025 en Ribeira. En 2027, Ribadeo e a Mariña luguesa tomarán o relevo para acoller durante catro días esta celebración da cultura marítima e fluvial.

0.14978289604187