Ribadeo acolle este domingo o III Trofeo Máster de Ciclismo con máis de 120 participantes

Ribadeo prepárase para vivir unha nova xornada de gran ambiente deportivo coa celebración este domingo, 17 de maio, do III Trofeo Máster Vila de Ribadeo, unha cita que reunirá máis de 120 ciclistas chegados de distintos puntos de Galicia.
A proba, organizada conxuntamente polo Club Ciclista Eo e o Concello de Ribadeo, sairá ás 11:00 horas desde o parque de San Francisco e contará coa participación de deportistas das categorías máster M30, M40, M50 e M60. Trátase dunha das competicións incluídas no Campionato de Galicia de Estrada 2026, o que lle outorga un especial interese dentro do calendario autonómico.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacou que a vila se converterá nun auténtico punto de encontro para os afeccionados ao ciclismo durante toda a fin de semana. “Ribadeo vai encherse de vida deportiva. Animamos á veciñanza a achegarse a ver a saída e tamén o paso dos corredores polas nosas rúas”, sinalou.
A presentación oficial do evento tivo lugar nas inmediacións do Pazo de Ibáñez, nun acto no que participaron representantes institucionais e deportivos, entre eles o alcalde, Dani Vega; o propio concelleiro de Deportes; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero; o técnico municipal de Deportes, Iván López; así como responsables do Club Ciclista Eo e membros da organización.
Desde o Concello tamén se puxo en valor o traballo conxunto das entidades implicadas e o apoio das empresas colaboradoras, fundamentais para a celebración desta proba. “Queremos agradecer a implicación de todas as firmas que fan posible este evento deportivo”, engadiu Silvent.
O III Trofeo Máster Vila de Ribadeo consolidase así como unha das citas destacadas do ciclismo máster en Galicia, combinando deporte, participación e promoción do municipio como escenario de competicións de referencia.